Esta semana Galicia enteira homenaxea a Uxío Novoneyra, o poeta do eidos do Courel, un dos grandes nomes da poesía galega. Desde a publicación en 1955 do seu libro "Os Eidos", prologado por Ramón Piñeiro, –un poemario aberto, en permanente construción durante case tres décadas, xa que coñeceu outra edición en 1974, tamén como a primeira publicada por Galaxia, "Os Eidos 2", e unha terceira e definitiva na colección "Grandes Mestres" de Xerais en 1981, "Os Eidos. O libro do Courel–, a obra toda do poeta camiñante converteuse nun punto de referencia indiscutible da literatura galega da segunda metade do século vinte.

A merecidísima e unánime homenaxe que Novoneyra recibe este 17 de maio, case once anos despois do seu pasamento na súa amada Compostela, constitúe unha magnífica oportunidade para revisitar unha obra poética intensa e renovadora, nacida das raiceiras chantadas na terra de quen se consideraba apenas un labrego da palabra. Como sinalou o poeta Fran Alonso en "Folerpas de Novoneyra" (Xerais 2010), unha biografía e antoloxía poética para os lectores máis novos: "Novoneyra estaba convencido de que nacera predestinado para traballar a palabra: a súa misión de poeta era ensanchala, imprimirlle beleza, comunicala, transmitila, dicila, escribila, reinventala".

Fiel a esta profunda convicción moral, o escritor nacido en Parada do Courel en 1930 acreditaba na poesía como a gran verdade do mundo –como ten salientado Xosé Luís Méndez Ferrín, o actual presidente da Academia Galega: "Novoneyra é dos que crían que un poeta, se é poeta, é verdade"– e como tal dedicou a súa vida enteira con radical humildade a servir a esa palabra sagrada, "poeta". Servizo que realizou con idéntica honestidade á do noso admirado Carlos Oroza, aquel seu compañeiro e amigo do corazón co que coincidíu en 1962, durante a súa segunda estancia madrileña, e que mesmo chegaría a vivir uns meses na familiar Casa da Fonte.

Uxío foi radicalmente un poeta, un "maniático da autenticidade" no que é moi difícil desencaixar a súa vida da súa obra, xa que consideraba que este foi o seu máis alto destino, ao que acomodou a vida enteira coa maior sobriedade. O seu amigo Herminio Barreiro, membro do grupo Brais Pinto, nunha carta aberta que lle escribiu en 1975 xa o advertira con rotundidade: "[Uxío]Eres cabalmente un poeta. E por iso, só sabes ver a vida como un poeta, vives como si a poesía fose a túa propia vida. En ti non hai nada exterior nin alleo a síntese poética. Para ti a poesía non é un traballo, senón unha maneira de ver as cousas". Ese foi sempre o seu guieiro, dende os anos de formación en Lugo e en Madrid a comezos dos anos cincuenta, pasando polas longas estancias na casa natal para coidar dos seus maiores, até aos anos en Compostela coa súa compañeira Elva Rei e os seus tres fillos ("Branca, Uxío e Arturo / quedaranse no Futuro / quedaredes no Futuro /pre que siga o Pasado / e ti Galicia a durar", escribiu en 1981-1983). Un período vital o compostelán no que realizou unha compilación temática da súa obra, recollida en títulos como "Muller para lonxe" (1986) e "Do Courel a Compostela. 1956-1986" (1988), continuou traballando devagariño sobre ela no seu período de madurez, desenvolvendo, ademais, un intenso labor de dicidor en múltiples recitais e de representación da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade da que foi destacado e inquedo presidente.

Novoneyra non deixaba pasar á palabra ningunha cousa que con anterioridade non pasara pola experiencia, pola emoción ("nada que non vivas o escribas"), moi consciente, tamén, que o poeta é tamén un gardador: "Descobre, garda e doa. Sempre o considerei como a máis alta función do ser humano: descubrir, gardar e doar. Por canto aí está a posibilidade dunha plena residencia na Terra" escribiu en "Dos soños teimosos", obra publicada en 1998, auténtico testamento intelectual, na que foi enfiando o seu pensamento e a súa concepción da arte a partir das preguntas que lle fai o seu amigo, o editor de Noitarenga, Emilio Araúxo. Volver sobre este libro (recentemente reeditado por Xerais) permite entender a esencia e o sentido da vida e da obra dun poeta que mantivo un compromiso político coa nación e a lingua, moi presente dende o seus primeiros poemas manifesto, auténticos cantos visuais, como "Viet Nam Canto"(1968), que escribe coincidindo coa guerra do Vietnam e coa aparición da UPG, ou "Letanía de Galicia" (1970). Para el os galegos "residimos tanto na lingua como na terra", sendo labor principal do poeta reactivar e avivar intensamente a lingua", retomándoa e reactivándoa do pasado máis profundo: "o poeta é un actualizador do pasado".

Velaí algúns trazos da extraordinaria figura humana e literaria de Uxío Novoneyra á que hoxe no Club Faro de Vigo renderemos merecida homenaxe.

bretemas@gmail.com