Hai experiencias de mocidade marcantes capaces de encarnarse nas nosas vidas máis alá dos límites da memoria. Foi no meu caso, como no doutros amigos e amigas, a nosa participación como voluntarios de fin de semana e monitores de colonias de verán no grupo vigués da asociación Auxilia de axuda a persoas con discapacidade fisica. Aquela experiencia enfrontounos moi novos ás dificultades das vidas de dúas ducias de persoas, tanto adultas como mozas, ás que moito máis alá das necesidades provocadas polas súas discapacidades (dende a poliomelite á parálise cerebral) se lles cegaban todos os camiños para tomar as súas propias decisións e participar activamente na sociedade. Empurrando as cadeiras de rodas polas costas viguesas ou forzando a nosa entrada con elas nos cines (algunha vez tivemos dificultades para ser admitidos por este feito) comprendimos que existían moitas barreiras arquitectónicas e mentais (en forma de prexuízos) moi difíciles de superar. Todo un baño de realidade.

Foi entón cando coñecimos a persoas como María Garrido, entón unha moza de trinta anos, que nos ensinaba cada tarde de domingo que a súa parálise cerebral e as súas importantes dificultades de comunicación oral constituían para ela apenas un acicate de superación constante para desenvolver a súa profesión como calceteira no seu barrio natal de Bembrive. Non esquezamos que daquela, saíndo do negro túnel do franquismo, os servizos sociais, ou os conceptos actuais de dependencia ou de integración, como tales non existían. Persoas como ela, consideradas como “inválidas”, tiveron enormes dificultades para recibir algún tipo de atención educativa e para incorporarse con normalidade ao mundo laboral.

Foi esta situación de aberta discriminación a que levou a un grupo de pais e nais destas persoas, encabezados pola determinación e entrega de Pepe Varela, un traballador de Telefónica, a constituír unha asociación -que máis alá daquelas saídas de fin de semana e colonias de verán, atendidas por voluntarios voluntariosos- proporcionase unha atención educativa integral para os nenos discapacitados e procurase vías capacitación laboral para os maiores. Así naceu no mes de xuño de 1977, APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).

Tras o primeiro centro asistencial -instalado en condicións moi precarias na primeira travesía da Pastora, onde Mayte (a primeira profesora) montou os obradoiros de cerámica e macramé-, a incorporación de novos profesionais foi decisiva para transformalo a modiño, non sen dificultades, no actual da rúa Miguel Hernández. Un centro multidisciplinar onde funcionan diariamente media ducia de obradoiros, se proporcionan servizos terapéuticos de fisioterapia e hidroterapia, se desenvolven actividades deportivas e se mantén un completo programa de atención ás familias. Algo inimaxinable para aqueles que vimos a enorme precariedade (suplida polo entusiasmo dos promotores) coa que comezou un proxecto no que hoxe case trinta profesionais atenden a medio cento de persoas con parálise cerebral ou patoloxías afíns.

Esta incrible transformación do centro de APAMP é relatada en primeira persoa polos seus protagonistas (artesáns e profesionais) nun libro precioso, “APAMP. El mundo de lo hecho a mano”, presentado o pasado venres no Verbum, entre outras persoas por María Garrido, a nosa vella e entrañable amiga. Cunha vontade moi didáctica e apoiándose nas magníficas fotografías de Eli Regueira, tamén deseñador e produtor do volume, o libro desvela como se realiza en APAMP o traballo cos teares e tapices, a confección de cestos e monecas, a creación de máscaras e títeres de cartón pedra, a realización de gravados e serigrafías ou de traballos de encadernación. Actividades todas elas artesanais, tanto por realizarse empregando procedementos tradicionais adaptados ás características de cada persoa, se non, e sobre todo, porque no traballo de cada unha delas está presente o espírito e o entusiasmo por facer ben as cousas, por implicarse solidariamente no proceso, dende o respecto á convivencia e á igualdade.

Os membros de APAMP levan trinta anos en Vigo demostrando que é necesario o esforzo de todos para derrubar os valados e as barreiras que impiden vivir nun mundo que responda ás necesidades de todos. E a pesar dos importantes avances acadados, queda moito, moito por facer para obter a igualdade real de oportunidades de todas as persoas con discapacidade, queda aínda camiño por percorrer para atender as súas necesidades ou para que accedan sen dificultade ningunha a idénticos lugares e servizos que o resto dos cidadáns. Deses retos, desoutra artesanía tamén fala este libro que recomendo vivamente como agasallo solidario para este Nadal.

bretemas@gmail.com