06 de abril de 2009
06.04.2009
segunda feira

Himno Nacional de Nós

Xosé Luis Méndez Ferrín

06.04.2009 | 02:00

Érgome do leito e procuro os xornais de Galicia. Contan da constitución do novo Hórreo. Máis canastro éste ca nunca: máis cabaceiro. Os tres partidos que aló había seguen a ser os tres tristes que hai. E enténdense entre eles no básico: nas retribucións, no escándalo da remuneración aos altos cargos. Nas boas pelis de mafia norteamericana hai guerras pero ao fin Coppola ensina que os acordos son inevitabeis. Ningunha novidade no Parlamentiño. Uns perderon un asento e outros gañaron un asento. Prométense lealdade e oposición constructiva. Créollo ben. Na Mesa seguirán a obstruir solidariamente o estado parlamentario da iniciativa popular das retribucións, aos altos cargos. As familias enténdese entre elas. Alain Badiou di que isto non é política nacional-popular e fala de Estado-Partidos. A forma burguesa contemporánea do estado totalitario fascista: ei-la.

Vou a Heráclito, meu señor das luces arcaicas, e leo este fragmento: "O combate é o pai de toda cousa, o rei de todas as cousas, e fixo a uns deuses e a outros fixo homes, converteu uns en ceibes e outros en escravos". Iso é o Combate que move o mundo: a Contradicción (Mao). O simulacro escenificouse con discreción e modais de clase media. Uns prometeron gobernar para todos os galegos e os outros prometeron unha oposición constructiva. Estes últimos non prometeron o Combate de Heráclito, que, para Heidegger (o de Ramón Piñeiro) era o Logos. Finxamos ser heideggeriáns, finxamos ser piñeiristas; constituiuse un Parlamento sen Logos. Sen Combate ("pólemos").

Pro o Combate, a Contradicción, ás veces sobrevén de modo eruptivo. Todo está preparado para o consenso e a representación da normalidade. E, aínda así, a palabra que delata o conflicto amósase e conmove. Na tradición marxista, e descoñezo o por qué, chamámoslle a isto "a vella toupeira", A aparición do fuciño da "vella toupa": Rosado e durísimo.

Parece ser que a presidente do parlamento do Hórreo se referiu ao noso Himno Nacional chamándolle Himno Nacional. Un lapsus ben axustado ás leis propostas por Freud nun dos seus ensaios verdadeiramente inxeniosos. Disque logo esta señora rectificou, aínda que non coñezo os termos de tal rectificación. Diría que o Himno de Pondal/Veiga é o noso Himno "Rexional"? En todo caso eu coido que, por un instante, ao ser anunciado o Himno Nacional de Galicia o Parlamentiño convertiuse fugazmente nun Parlamento. "Le temps d´ un soupir", que dicía a viúva de Gérard Philippe.

No texto do Estatuto de Galicia o noso País aparece nomeado como NACIONALIDADE HISTÓRICA, expresión que se recolle tamén, aínda que de forma ambigua, na Constitución Española. Durante todos os anos que leva existindo a autonomía galega, os políticos, os xornalistas, os escritores, trataron de ignorar a expresión NACIONALIDADE HISTÓRICA. Uns porque lles semellaba demasiado nacionalista; outros porque lles parecía demasiado pouco. Perdo en que cite de lonxe Vicente Risco, pro ocorre que hoxe é o día do ano no que me toca mencionar os inimigos. Hoxe para min é tamén o día de Heráclito de Êfeso, ou sexa da Contradicción.

O adxectivo que se corresponde a NACIONALIDADE, palabra oficializada no Estatuto, é NACIONAL. O noso é o HIMNO NACIONAL en termos de discurso legal. A presidente actuou ben ao dicir Himno Nacional e mal ao se corrixir ela mesma. Para cumio e penal dos meus males, estou tamén escribindo un artigo autonomista.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine