Está a rematar o ano de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez, un ano cheo de esforzos e de afectividade. Un ano excepcional na resposta no mundo da cultura e do ensino en Galiza polo recoñecemento da súa figura como sabio erudito, artista escritor, humanista, editor, arqueólogo, poeta, historiador? Moito mérito este o do mundo da cultura galega no ano das Olimpiadas, da Eurocopa de futbol, do trunfo na Copa Davis, de Obama. Ao cabo, o ano das guerras e das fames deste ano.

Rematan os actos de homenaxe cun Congreso en Tui sobre a súa vida e a súa obra. Tui foi ao longo do 2008 un exemplo de entrega cultural, de boa organización e de cariño, ao cabo, unha cidade agradecida polo legado que Xosé María entregou a toda Galiza.

A Prensa, agás o Faro de Vigo e algún xornal santiagués, apenas falou deste Congreso sobre Álvarez Blázquez. Non me sorprende. Estamos afeitos a que a nosa cultura ocupe espazos minúsculos, infinitamente máis pequenos ca reseña dun gol.

Antes de que remate o ano quero deixar constancia do meu inmenso agradecemento a todas e todos os profesores da Primaria, da Secundaria, do Bacharelato e da Universidade polo seu esforzo e polo seu cariño, por ese traballo extraordinario e vocacional co que se envorcaron nos centros educativos de toda Galiza á hora de homenaxear a un escritor, a un mestre que foi desterrado polas súas ideas políticas á Castela Monolíngüe, daquela un mozo de vinteún anos que malia a traxedia que azoutou á súa familia, perseguida e reprimida con asaño polos fascistas, foi capaz de rabuñar dentro da tristura folgos incansábeis e exemplares para cumprir coa misión transcendente de transmitirlles aos seus alumnos e alumnas a felicidade do coñecemento.