Síguenos en redes sociales:

Contra-reacción machista dos sapistas

Ana Míguez

A mín e ao igual que lle ocorre a José Antonio Burriel, empézame a cansar iso da SAP (Síndrome de Alienación Parental) pero o meu problema é que son muller e como tal obxecto, como o meu xénero, dun claro contramovimento ou contrarreación do postmachismo, denominado tamén "backlash", cada vez máis organizado que está utilizando á xustiza como medio para obter a lexitimación que lle nega a comunidade científica. O movemento mediático anti-SAP agromado en Aldán grazas á valentía dunha nai defensora do benestar da sua filla provocou unha forte manifestación-movimento dos pro-sapistas que actuan impunemente amparados polo silenzo e medo das nais ameazadas con lles sacar a custodia dos seus fillos e fillas para llos entregar ao proxenitor maltratador ou ausente na vida destes por vinganza nunca esquecida.

Desde o ano 2002, e desde o FARO DE VIGO teño escrito diferentes artigos sobre esta mal chamada Síndrome de Alienación Parental á que denominaba como Síndrome da Mala Muller. As razóns son ben claras e simples, todo o que dixen do seu autor Richard A. Gardner está documentado con publicacións pagadas por él, Gardner creouna de seu, sen un corpo colexiado que a avaliase ou respaldase.

E logo que defende nas suas teorías o Gardner, tan do gosto dos promachistas e tan respaldadas polas asociacións de homes separados? Afirma, por exemplo, que os nenos e nenas máis grandes poden ser axudados a valorar que os encontros sexuais entre un adulto e un neno ou nena non teñen porque ser considerados como actos censurábeis. Á nena ou neno pódeselle dicir que noutras sociedades son actos perfectamente normais. A nena ou neno pode ser axudado a aprezar a sabedoría do Hamlet do Shakespeare, quen dixo "Nada é bon ou malo, o pensamento faino dun xeito ou outro". (Gardner,Trae and false accusations of chil sex abuse, 1992, p. 549).

Tamén argumenta que os nenos que foron abusados sexualmente sofren, pero só porque a violación se interrompe, é dicir, quedan insatisfeitos sexualmente; non se traumatizan significativamente, só hai certa frustración sexual que non foi gratificada. Non, non están a ler mal: O neno pode ter un desexo sexual forte cando o abuso se interrompe. Estes nenos deben ser animados a masturbárense (Gardner, 1992, pp. 580, 585).²

A respecto da nai, afirma que compriría informala do común que é ese feito, incluso máis común que o dos pais que non o fan, engadindo que se a nai reaciona ao abuso de xeito histérico ou usando este como excusa para unha campaña de denigración cara o pai, daquela o terapeuta fará ben en tratala e sacala da borracheira (...). As súas histerias contribuirán ao sentimento de ter cometido o neno un delicto abominable, diminuindo a posibilidade de calquera caste de achega ao pai. (Gardner, 1992, pp. 576, 577).

Gardner suxire a esta Mala Muller que debe calmar a súa carraxe contra do home e ser máis correspondente con el sexualmente, recomendálle o uso de vibradores pois segundo este admirado psiquiatra a súa sexualidade incrementada pode diminuir a necesidade do home de procurar a súa filla de novo para obter gratificación sexual (Gardner, 1992 p. 585).

Do pouco que transcribín do Gardner, _-as súas teorías non teñen desperdicio- podemos concluir que os pedófilos son as víctimas e unha vez máis as mulleres somos as culpábeis do que lles ocorra as nosas fillas e fillos, e os agresores uns incomprendidos.

Comezaba falando do que supuxo a denuncia da nai de Aldán e do movemento pro-sapista que nos está a invadir, non só en diferentes cidades da España, mesmo aquí en Santiago de Compostela os días 11, 12 e 13 de decembro, organizado por pro-sapistas baixo o título para despistar de Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentales tras la Ruptura de Pareja, onde coñecidos sapistas vencellados a organizacións de pais separados, teimudos loitadores contra da Lei Integral Contra a Violencia de Xénero, estarán presentes utilizando a pel de año. Cecais algúns dos asistentes non teñan nen idea de que van a asistir e colaborar co contramovimento dos dereitos das mulleres

Ao patriarcado cústalle ceder privilexios polo que se arma contra dos pouquiños dereitos que adquirimos a costa do noso esforzo, e que considera xa son excesivos, procurando fórmulas e connivencias para nos debilitar, sendo unha das máis torticeiras a aplicación da ideoloxía que sustenta a SAP, que en moitos casos agachan vergoñantemente con otras siglas.

Pero non todo son boas novas para os pro-sapistas,. O 10 de Setembro, o movimento feminista logrou a creación dunha Comisión dentro do Observatorio Contra a Violencia de Xénero para estudar estas aplicacións claramente sexistas e que son un xeito máis de violencia machista que o 25 de novembro, Día Internacional Contra a violencia Machista, é preciso lembrar.

Pulsa para ver más contenido para ti