25 de julio de 2008
25.07.2008

Día da Patria Galega coa crise como escenario

25.07.2008 | 02:00

Manuel Mera *

Aínda que desde as institucións se pretenda que todo sigue como se non houbera nada novo, como se a economía seguira medrando como na última década e media, o certo é que a crise debagar abrangue a preocupación da xente. O deterioro é tal que en poucos meses Solbes pasou de falar dun crecemento do PIB a recoñecer que o resultado final pode ser negativo. A recuperación xa non é cuestión de meses como teimosamente se afirmaba, como se a realidade económica puidérase torcer con boas intencións e palabras. A queda de Martinsa, as vendas de acións de Florentino Pérez pra salvar ACS, o peche de varias construtoras en Galiza (dúas delas importantes, unha en Tomiño e outra na bisbarra do Deza), o desmantelamento dalgunha auxiliar do automóbil, como Valeo, e a pretensión de facer o proprio con Draka, a diminución das vendas de coches e pisos, o retorno dos emigrantes (especialmente de Canarias e Andorra), son algúns dos síntomas que reflicten unha situación difícil, na que o sector bancario e inmobiliario están contra as cordas e entredito.
Estamos diante dunha crise de modelo económico, mesmo de modo de vida, por mor do esgotamento da enerxía fósil e doutras materias primas, da desfeita do ecosistema, da encheita demográfica, do aumento das desigualdades de clase e entre territorios, da destrución de culturas e linguas seculares, así como de especiais vexetais e animais. Creceuse esgotando recursos e desfacendo o planeta, e este xeito de se desenvolver fíxose máis agresivo por mor da globalización neoliberal. Agora o tempo colocou as cousas no seu lugar, amosando de que lado estaba a verdade, mais cuns custes que non se sabe, por vez primeira na humanidade, canto tardaremos en superar e como. Algúns pensan, uns por ignorancia e outros por cinismo, que en poucos meses vaise solucionar todo cando se tapen as feridas da irresponsabilidade de grandes bancos e construtoras, por suposto esperando que se faga a costa dos cartos públicos. Querendo facer realidade máis unha vez que os gaños son individuais porén as perdas das empresas sempre hai que socializalas.
Neste contexto o Acordo polo Emprego, asinado fai uns días (entre Xunta de Galicia, a CEG, e máis CC OO e UGT) de pouco servirá, xa que é un pacto social que responde a unha etapa de expansión económica e ten moito de propaganda política, eleitoralista, mais cuns contidos ambiguos en todo o referido a impulsar os sectores produtivos estratéxicos, e polo tanto un modelo económico e de emprego sostíbel no tempo. Por iso o sindicalismo nacionalista non o asinou, aínda que traballou arreo nalgúns temas (por exemplo de saúde laboral e formación ocupacional). As diferencias estaban en que non había propostas efectivas pra atallar o desemprego estrutural (12,6% da poboación activa) e a emigración (25.000 persoas en 2007 que marcharon de Galiza, e 73.608 contratos temporais que se asinaron fóra do país).
No Pacto continuase coas subvencións as grandes empresas, o que só sirve pra enriquecer a uns poucos mentres aumenta a niveis insoportábeis a desigualdade social e territorial. Esta formula levounos ao desastre. Tampouco é aceptábel que a Xunta teña como eixo principal de actuación xestionar as políticas do Goberno central e da Unión Europea, moitas veces negativas pra Galiza. Ten que dirixir o país! e iso significa tomar decisións estratéxicas, ter soberanía real. De asumir unha actitude reivindicativa, ou non, dependerá que saiamos da crise cunha estrutura produtiva e social máis forte, sostíbel e xusta. Asemade, o dilema tamén está en subvencionar aos grandes grupos ou protexer aos máis débiles. Non hai pra todos. neste escenario, compre fomentar os transportes colectivos, as enerxías alternativas, a proteción do ecosistema, a agricultura familiar, o traballo fixo e a distribución da renda; favorecer aos asalariados, que son a maioría social, mais tamén aos autónomos e pequenos empresarios, etc... ou seguir avalando un modelo inxusto, colonizador, individualista e agresivo. No Día da Patria Galega, ademais do festexo, da reivindicación histórica e identitaria, estes temas deberan ser cerne dos discursos e da reflexión.
* Secretario Confederal de Formación Sindical e Comunicación da CIG

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook