No estaleiro Barreras a cada pouco fanse botaduras de buques. O éxito acadado pola súa modernísima inxenería e as investigacións tecnolóxicas converteron a esta industria naval nunha das mellores de Europa. Das súas gradas teñen saído cargueiros, gaseiros, ferrys ou buques sísmicos encargados polas navieiras máis importantes do tráfico marítimo no mundo. O moderno deseño destes barcos e e os equipamentos dos que van provistos prestixian a este estaleiro vigués que xa cumpríu cento quince anos de existencia. Durante este longo período de tempo Barreras contribuíu a modernizar tamén a frota galega que fixo posible que Galicia fose unha potencia pesqueira.

Don José Francisco González Viñas é Presidente desta empresa naval. Desde hai un tempo para acó ven traballando activamente no Foro E. Peinador para conseguir novos e inéditos espazos para a lingua galega. Máis dunha vez ten manifestado o desexo de converter ao estaleiro nun senlleiro referente na galeguización empresarial. E nese empeño está. Porque é consciente de que a formación da nosa identidade está vencellada ao compromiso de asegurarmos a presenza da lingua galega na cadea económica, restablecendo a relación entre a economía e os valores culturais que nos son propios no contexto dos pobos do mundo que afirman o seu dereito á diferenza; está convencido ademais de que ese diálogo permanente é o que posibilitará a aplicación de propostas e a mobilización de ideas e vontades para acadar o obxectivo de estarmos na globalización coa nosa personalidade en harmónica convivencia cos demais.

O señor González Viñas é o primeiro empresario da construción naval de Galicia que toma en consideración as propostas do Plan Xeral de Normalización aprobadas por unanimidade no Parlamento galego no ano 2004. Unha decisión que o honra e que as institucións públicas terán que louvar e recoñecer dada a importancia do proxecto. Unha iniciativa senlleira, por outra banda, porque recolle un catálogo de actuacións para incorporar a lingua galega á páxina web, sinalética, telefonía, relacións laborais, nóminas e contratos, convenio colectivo, con cláusula específica referida aos dereitos lingüísticos do seu persoal, e na relacións coas administracións públicas. Non se descoida no programa o contaxio lingüístico ás empresas auxiliares e provedores nin tampouco a organización dun ciclo de conferencias destinadas a sensibilizar ao cadro de persoal. A Secretaría Xeral de Política Lingüística fornecerá ás dependencias administrativas do estaleiro tódalas ferramentas informáticas para a celeridade na aplicación do programa de normalización lingüística previsto.

O próximo mércores, día 9 de xullo, o estaleiro fará unha parada para participar na festa da investidura galeguista da empresa. A partir das doce da mañá, coas acorde da Alborada de Veiga, iniciarase o acto de sinatura do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa presenza da Presidenta do Parlamento de Galicia, do Fiscal Superior de Galicia e outras autoridades, empresarios e representación sindical. O colofón final porao a gaiteira Susana Seivane cun pequeno concerto. Trátase, pois, dunha festa de galeguismo empresarial á que lle han seguir este ano outras máis.

* Presidente do Foro E. Peinador.