Imaxinas un túnel submarino que unira a cidade de Vigo e Cangas? E unha ponte que saira de A Coruña e chegara a Ferrol cruzando tres rías? Imaxinas un teleférico que atravesara Santiago de Compostela e enlazara a Cidade da Cultura co monte do Pedroso? A estas e a outras preguntas vai dar resposta “Nin o imaxinas”, o novo programa de Televisión de Galicia que fará da realidade virtual unha das súas grandes apostas e grazas á cal vai mostrar todo o que sempre imaxinamos pero que nunca puidemos ver. “Nin o imaxinas” vai facer posible o imposible.

O novo programa “Nin o imaxinas”, realizado por Producciones Celta para Televisión de Galicia, estará presentado por Alba Mancebo, xornalista amplamente coñecida entre o público galego. A cita con este novo espazo será todos os domingos ás 22.00 horas.

A nova aposta de Televisión de Galicia empregará os últimos avances tecnolóxicos para descubrirlles a todos os galegos e galegas como quedarán grandes proxectos e infraestruturas postos en marcha no noso país. E tamén poderemos coñecer outros moitos proxectos que se idearon nun momento dado e que, por diversas circunstancias, nunca se levaron a cabo.

O novo espazo de TVG tamén aplicará a realidade virtual á meteoroloxía para así ofrecer unha visión completamente distinta da coñecida ata este momento. Calquera situación meteorolóxica que nos imaxinemos: unha borrasca, unha vaga de calor, un temporal de neve, unha cicloxénese explosiva ou un ciclón tropical ímola poder ver como sempre quixemos e nos imaxinamos, dende dentro do propio fenómeno meteorolóxico. Coa realidade virtual o programa “Nin o imaxinas” ofrecerá a previsión do tempo dun xeito novo, máis gráfico e moito máis visual grazas ás múltiples posibilidades que ofrece esta última tecnoloxía aplicada á televisión.

"O novo espazo de TVG tamén aplicará a realidade virtual á meteoroloxía para así ofrecer unha visión completamente distinta"

O espazo “Nin o imaxinas” estará presente tamén nas redes sociais para ter un contacto directo co espectador. Xa se poden seguir as contas de “Nin o imaxinas” en Facebook, Instagram, X e TikTok. O público poderá, deste xeito, interactuar co programa realizando comentarios, aportando suxestións e mesmo posibles contidos. Os espectadores tamén poderán compartir fotografías ou vídeos que lles resultaran interesantes ou curiosos, e que estean relacionados coa meteoroloxía e a natureza.

“Nin o imaxinas” tamén se fará eco dos extraordinarios sucesos que marcaron á poboación de Galicia como, por exemplo, o terremoto que no ano 1997 azoutou ás localidades luguesas de Triacastela, Sarria e Becerreá. O programa, ademais de lembrar como foron eses momentos, preguntarase que pasaría se o terremoto fora na propia cidade de Lugo. Aguantarán a catedral e a muralla de Lugo un sismo? A resposta: Nin o imaxinas.

O servizo público está moi presente na filosofía do novo espazo. O programa ofrecerá indicacións, consellos ou avisos sobre o xeito de actuar ante diversos fenómenos naturais que se podan producir nun determinado momento, tales como inundacións ou treboadas.

"Elaborará unha serie de reportaxes nas que falará con expertos na materia, dende profesores de Universidade ata persoal de alertas e emerxencias"

Para que esta información sexa o máis completa posible, o equipo do programa “Nin o imaxinas” elaborará unha serie de reportaxes nas que falará con expertos na materia, que van dende profesores de Universidade ata persoal de alertas e emerxencias. Neste sentido, “Nin o imaxinas” terá tamén entre os seus colaboradores a toda unha serie de divulgadores de primeira liña na súa materia.

En definitiva, o novo programa de Televisión de Galicia vai poñer a realidade virtual ao servizo do espectador para achegarlle contidos que, de non ser por estes avances tecnolóxicos, non se poderían mostrar. Grazas a esta tecnoloxía farémonos unha idea moito máis aproximada de, por exemplo, cales serán os efectos da subida do nivel do mar a causa do cambio climático. Desaparecerán baixo o mar Vigo, A Coruña e Vilagarcía de Arousa tal e como di o recente estudo da NASA? Nin o imaxinas! Como é que se orixinan as augas que fan de Ourense unha das capitais mundiais do termalismo? Nin o imaxinas! Como é o maior cráter do mundo e que está diante das costas galegas? Nin o imaxinas!

A partir de agora, imos ter respostas a todas esas interrogantes todos os domingos á noite na Televisión de Galicia co novo programa “Nin o imaxinas”.