Os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicados onte sinalan a TVG como a canle líder na comunidade cunha cota do 20,8%, tanto de luns a venres como no conxunto da semana, e como referente informativo absoluto da sociedade galega.

Con este 20,8%, a TVG é líder con 6,9 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e case duplicando os resultados da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 11,78%).

Ademáis, a audiencia dos informativos da canle galega non deixa de medrar neste ano. Na sobremesa, ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ marcan o liderado informativo. Na franxa entre as 13.00 e as 17.00 horas, a TVG acada o 35,3% de cota de pantalla, case triplicando a audiencia de TVE (cunha media do 13,2%). E no tramo inicial do ‘Telexornal Mediodía’, de 14.30 a 15.00 horas, chégase ao 47,8% de cota.

Entre as TV autonómicas reunidas baixo o paraugas de Forta, TVG é a que acada maior cota, superando nesta onda do EXM en 2,7 puntos de cota ao seguinte competidor, TV3 (18,1%), no conxunto da semana.