A TVG 2 emite hoxe a decimosegunda entrega do Grazas á vida. O programa, encargado pola canle autonómica a Producións Celta, asómase neste novo capítulo ás traxectorias profesionais de duas mulleres vencelladas ao sector sanitario: Pura Seco, enfermeira retirada que dende 1989 ata a súa xubilación traballou no centro de saúde de As Pontes, e Isaura González, matrona que desenvolveu o súa profesión nos centros de atención primaria de Neda e Narón.

A emisión, ás 17.25 horas, terá como presentadora a Noa García, que falará coas dúas protagonistas xa xubiladas que contarán as súas lembranzas vitais a través dun percorrido por algúns dos lugares emblemáticos das súas vidas.

Así, no programa desta tarde, os telespectadores coñecerán de perto a Pura Seco, que escolleu como primeira parada o “hospitalillo” de Endesa, cerca de Muras, nas Pontes. Alí chegou como enfermeira en 1972 procedente de Vigo para estar perto de seus pais. Eran unhas instalacións para os empregados da empresa de abonos Calvo Sotelo que despois pasarían a mans de Endesa. Contaba con camas e incluso con quirófano e Pura estivo traballando durante 10 anos. O segundo lugar que visitará é a aldea do Burgo, no concello de Muras, onde naceu e se criou. Por último, o percorrido escollido por esta enfermeira xubilada chega ata o centro de saúde das Pontes, onde comezou a traballar en 1989 e no que permaneceu ata a xubilación.

Isaura González, pola súa parte, naceu en Bustelo, unha aldea do concello de Dumbría. Estudou Enfermería en Santiago e traballou como matrona no centro de saúde de Narón e no de Neda, que visitará co programa. Tamén recibirá ó programa na súa casa de Neda onde se instalou co seu home, Manuel, e os seus dous fillos. Finalmente, conduce aos telespectadores ata a Asociación BBTTA, de apoio na lactación materna, un proxecto persoal do que se sinte especialmente satisfeita.