A TVG emite hoxe, ás 10.30 horas, o capítulo “María Vázquez, a vida nas rochas salgadas” no que “Caderno de bitácora” viaxa ata Carnota para coñecer o oficio de recollida de algas. O programa, dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón e elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, fala con esta muller, considerada como una pioneira na comercialización do argazo.

Así, os espectadores coñecerán que María traballou dende moi nena e con dez anos xa ía mar. Co seu testemuño e cos da súa amiga María Martinez, que ademais é a súa curmán, e Olga Costa , “Caderno de bitácora” abordará unha historia de mulleres que o traballo converteu en sabias donas do seu destino.

Deste xeito, María Vázquez explica que coñece ben todas as pedras da costa do Pindo e Caldebarcos, porque nelas recollía argazo e foi pioneira na comercialización deste produto. Antes xa andara no mar co seu pai á arte do palangre do congro, e cando casou e o seu home comprou un barco ela tamén ía algunhas veces ao mar. Outro dos oficios que exerceu, moi habitual nas mulleres da zona, foi a recollida da cría do mexillón, a mexilla, por toda a costa de Caldebarcos e incluso nas illas Lobeiras, que logo vendía para bateeiros de Lorbé, Sada e da ría de Arousa.

As algas déronlle moita vida a familias da costa de Carnota dende o Pindo ata Lira

Fala con Rivadulla Corcón da súa vida e do seu traballo, que a convertiu nunha verdadeira sabia do mar. Así, dá unha moi precisa lección sobre as clases de algas, un produto que lles dou moita vida a familias da costa de Carnota dende o Pindo ata Lira, sendo a súa recollida un traballo feito fundamentalmente por mulleres.

María foi unha muller de vida moi variada, sempre relacionada co mar: as algas, a mexilla e tamén a pesca. Traballadora incansable, o programa quere renderlle unha homenaxe na que participa tanto a súa familia como os seus amigos, que demostran que saben ben que o mundo no que viven eles agora foi construído por María.

Paco Souto traballa nas rochas percebeiras. Producións Celta

Por outra banda, a TVG emite mañá (11.50) “Na pedra que converteu en poema”, da serie “Náufragos”. Tamén elaborado por Producións Celta para a canle autonómica e escrita e dirixida por X.H. Rivadulla Corcón, o programa aborda o accidente que lle costou a vida ó percebeiro Paco Souto o 30 de marzo de 2017.

Ese día os percebeiros de Malpica reuníronse para decidir as zonas de traballo. Un grupo entre os que estaba Paco Souto foron traballar á zona da paria de Razo en Carballo, onde está a pedra A Percebeira. Paco foi traballar só, e case ao final da xornada o percebeiro Paco Serantes pasou por alí e estrañoulle non ver a Souto, cando de súpeto veu o seu corpo flotando no mar. O seu corpo sen vida.

O programa fala coa súa viuva, Emma Abella, que lembra como o seu home amaba o mar e que decidira ser percebeiro “porque o mar emocionábao”. A súa amiga Rosalía Fernández ou os seus compañeiros de profesión Paco Serantes e Wenceslao Abella tamén falan no programa en recordo dun home especial , comprometido e de grande sensibilidade.