“Caderno de bitácora” chega hoxe, ás 10.30 horas, á grella da TVG co capítulo “Francisco Vidal, “Pacucho”. A vida no bandear dos barcos” no que o programa achégase ata Portosín para coñecer a vida deste mariñeiro e do ser dos seus compañeiros. Realizado por Producións Celta para a canle autonómica, está dirixido, escrito e presentado por X.H. Rivadulla Corcón.

Así, a emisión dará a coñecer a aventura mariñeira e vital dun home que empezou traballando, moi neno, nunha lancha xeiterira co seu pai, coñecida popularmente como “A Violetera”, e chegou a ser un dos patróns mais destacados de Galicia e de todo o Cantábrico. Traballaron con el Jorge Rodríguez e Gonzalo Pérez “Talo”, que tamén foron paróns do cerco, e que van facer de padriños para armar a homenaxe en forma de sorpresa a Pacucho. Tamén contarán moitas historias da súa relación.

Aos nove anos comezou a ser parte da historia do mar de Galicia, e en concreto da Ría de Muros e Noia. Na súa folla de traballo constan máis de cincuenta anos de patrón, e foi pioneiro nesta ría en aventurase á pesca no mar Cantábrico, en Cantabria e Euskadi, no 1994. Dedicou a maior parte da súa vida á arte do cerco, aínda que tamén traballou outras artes e foi á pesca de altura. Ao longo da súa vida tivo seis barcos, o primeiro foi o “María Yolanda”, pero o máis determinante foi o “Vamos Indo VI”. Tamén foi patrón maior de Portosín entre os anos 78 e 79 e 84 e 87.

“O clan das mariñeiras”

Por outra banda, a TVG emite mañá domingo, ás 12.00 horas, o episodio “O soño de Lorena Lamelas. Mariscando o milagre do Barqueiro” do programa “O clan das mariñeiras”. Tamén de Producións Celta e con Rivadulla Corcón ao frente, o capítulo aborda a vida desta mariscadora que vende, esencialmente, ostra.

Lorena Lamelas selecciona a ostra coas súas compañeiras. Producións Celta

Deste xeito, o programa porá de relevo a Lorena Lamelas e o grupo de mariscadoras do Barqueiro como exemplo na cultura mariñeira tras ser quen de convertir un problema (a aparición da ostra rizada) nun beneficio. O traballo das mariscadoras non é fácil, é duro, pero Lorena e as súas compañeiras tiran para adiante con determinación. Ademáis, o capítulo mostra que Lorena é unha muller sentimental cun sentido profundo do familiar, muller valente e decidida. Por iso, e para render homenaxe á determinación das mulleres do mar como Lorena Lamelas, e coa complicidade da súa familia, o programa nomeouna Mariscadora mestra do milagre da ostra.