“O son da ribeira” aborda na súa emisión de hoxe (TVG, 10.50 horas) a cantiga de Mendinho “Sedia-m’eu na Illa de San Simón”. O programa, encargado pola canle autonómica a Producións Celta e dirixida e presentada por X. H. Rivadulla Corcón, aborda a figura deste trobador, probablemente nacido nalgún lugar da ría de Vigo e do que apenas se sabe nada agás que escribiu varias cantiga das que tan só unha chegou ata os nosos días.

Un dos intérpretes que musicou o tema é Amancio Prada, que coa súa mestría fai unha versión moi trobadoresca. Ademáis, o programa fala coa poeta Marta Dacosta sobre o texto de Mendinho. Tras esta conversación, o dúo composto por Clara Pino e Pablo Vidal ofrece a súa versión moi persoal. Antes explican como afrontaron o traballo de musicalización da cantiga.

Rivadulla Corcón entrevista tamén ó patrón maior da Confraría de Redondela e mariñeiro da enseada de San Simón, Xoel Schward. Conta a situación do porto de Cesantes ou do plan de cría de choco. Intervén tamén Lupe Bouzón, vixilante da Confraría, quen aborda a situación pesqueira e da ós telesepectadores unha receta especial de empanada de choco.

A continuación, actúa o grupo Doa e a compositora brasileira Socorro Lira, que puxo en marcha o proxecto Cores do Atlántico para a divulgación musical das cantigas medievais de amigo.

Museo de San Cibrao

Por outra banda, a TVG emite mañá sábado, ás 12.00 horas, un novo capítulo de “O clan das mariñeiras”. Realizado tamén por Producións Celta e coa dirección de Rivadulla Corcón, titúlase “O soño de Amelia Pernas. A memoria do mar na súa memoria”. Esta muller traballa no Museo Provincial do Mar de San Cibrao, ubicado nun edificio no que a propia Amelia estudiou cando era pequena xa que acollía a escola. Alí foi donde o mestre Francisco Rivera Casás espertou o seu interese pola memoria do mar.

Amelia Pernas, no Museo do Mar de San Cibrao no que traballa. Producións Celta

Ela explica o especial que é o museo, un espacio no que non só traballa xa que viviu tódalas etapas da súa creación e forma xa parte da súa vida. Ademáis da actividade expositiva, Amelia organiza outros proxectos como un sobre a perspectiva de xénero no mundo do mar que está a desenvolver con Ángeles Miguélez.

O programa amosa a vida de Amelia e a súa familia, co seu home Mocho Rivas ao frente, quere renderlle unha homenaxe por terse convertido, co paso dos anos, na gardiá sentimental e material da memoria mariña.