A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá hoxe unha programación especial desde a tarde, cando a canle autonómica amenizará a visita das súas maxestades de Oriente a un dos seus estudios, coas actuacións dos seus artistas favoritos e conexións en directo coas principais localidades galegas. Pola noite e por primeira vez na súa historia, o programa “Luar” cambiará de día para converter en toda unha festa a chegada dos magos de Oriente.

Así, a TVG ofrecerá “¡Que veñen os Reis!” (18.00 horas), presentado por Paco Lodeiro e Loly Gómez co apoio duns presentadores moi especiais, os seus respectivos fillos, Pablo e Nair. A cativada poderá gozar coas actuacións do Xabarín e a Xababanda, Bolechas, A Gramola Gominola, María Fumaça, orquestra París de Noia, agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e Pili Pampín, Ximena e Flavia ou o mago Iago Fernández.

Ademáis, os Servizos Informativos estarán en vivo nas sete cidades galegas e en Arzúa para amosar os desfiles e celebracións de acollida a Melchor, Gaspar e Baltasar, que visitarán o estudio da TVG.

Ademáis, o Luar cambia de día para que esta noite sexa unha festa. Natalia, a orquestra París de Noia ou Pili Pampín serán algúns dos encargados de amenizar a noite.