A Televisión de Galicia presenta un sábado de estreas coas que a canle pública galega quere homenaxear esta sobremesa ó pobo galego, pola súa loita durante a Covid-19 e en lembranza ás persoas que nos deixaron, coa emisión do concerto especial "Un canto á vida", de Rosa Cedrón e Cristina Pato, e do documental sobre a crise sanitaria "Galicia Baixo a pandemia". A continuación, chegará á "Que nos pille rebolando!," un novo magazine que buscará converter nunha festa cada emisión.

O concerto "Un canto á vida", das intérpretes Rosa Cedrón e Cristina Pato comezará as 15.30 horas, nun evento organizado na contorna monumental de San Domingos de Bonaval en Compostela. Este é un evento íntimo e sen público -que tamén se poderá seguir a través da web da CRTVG-, no que as dúas artistas comparten o abano de sensacións e emocións vividas durante estes tempos. A cantante e cellista monfortina Rosa Cedrón e a pianista e gaiteira ourensá Cristina Pato ofrecerán algúns dos grandes clásicos da música e da literatura galega, así como doutras obras do repertorio universal.

Televisión de Galicia continúa coa estrea de "Baixo a pandemia", un documental sobre a crise sanitaria que establecerá unha cronoloxía dos feitos, desde que se comezou a falar do virus, amosando como se viviu a situación en Galicia e como foi o esforzo colectivo para facerlle fronte. Dirixido por Mercedes García-Nieto, foi realizado desde unha visión intimista e personalizada en casos reais.