O seu último traballo audiovisual, "O clube da calceta", está nominado como Mellor Ficción Europea aos premios Prix Europa da radio e da televisión, os Emmy do vello continente. O director e escritor Antón Dobao compite así, xunto con outras dúas producción españolas, neste certame que terá lugar en Berlín do 17 ao 24 de outubro, día no que se dará a coñecer ao gañador. Aínda que xa triunfa en Europa, o telefilme, baseado na novela homónima de María Reimóndez e no que colabora a Televisión de Galicia (TVG), aínda non ten data de emisión na canle autonómica.

–¿Que supón a nominación aos premios Prix Europa?

–É moi importante que o xurado, que está formado por persoas de culturas aparentemente tan distantes, recoñeza a calidade desta historia por riba de barreiras idiomáticas xa que pode implicar a calquera espectador en calquera parte do mundo.

–¿Esta nominación significa que se valora máis a arte galega fóra que dentro da propia terra?

–Seguen existindo prexuizos co galego dentro do Estado español que non teñen que ver coa realidade. Porén, fóra de aquí ocorre todo o contrario. Creo que esta nominación implica que unha produción en lingua galega pode traspasar todas as fronteiras primando a calidade do traballo por riba de todo.

–A película pertence ao seu proxecto "Un mundo de historias". ¿Como xorde esta idea?

–O proxecto propúxeno no ano 1999 como unha miniserie para televisión baseada na adaptación de relatos da literatura galega e grabado en lingua galega. No 2005 dá un salto cualitativo e comezamos a rodar longametraxes para televisión.

–Dentro deste traballo dirixiu outros catro telefilmes. ¿Tiveron a mesma acollida que o último?

–Si, con "A mariñeira", por exemplo, participamos nalgúns festivais, recibimos varios galardóns como o de Houston ou o Mestre Mateo e tivemos moi boa acollida entre o público galego.

–Fai pouco afirmou que fixera unha adaptación libre da novela.

–Pasar un relato a un soporte audiovisual xa implica unha adaptación libre, e despois hai que ter en conta que a historia está escrita por unha muller e eu, que dirixo a adaptación, son un home. Aínda que ambos compartimos a filosofía da historia, a visión está mediatizada polo feito de que eu sexa un home. Pero penso que isto tamén xoga a favor da película porque me obriga a mergullarme no mundo feminino.

–Isto significa que se implica moito nas adaptacións...

–A verdade é que non o sei facer doutra maneira. Son un buzo nisto do audiovisual. Concibo as historias dende o punto de vista narrativo porque son escritor ante todo. Por iso, para profundizar no personaxe hai que mergullarse nel e implicarse totalmente na historia.

–¿Por que o equipo escolleu a novela "O clube da Calceta" para adaptala?

–A novela permitíanos poñer en xogo un grupo de personaxes femininas que parecen moi distintas pero que ao longo da historia van confluíndo. Trátase de papeis ricos cuxas situacións persoais permitían profundizar en aspectos importantes da sociedade actual e sobre todo no eido das mulleres.

–¿Das mulleres?

–Sí, porque no ámbito audiovisual, ao igual que na vida real, parece que este sector sempre desempeña papeis secundarios. Porén, en "O clube da Calceta" non ocorre isto, no telefilme son elas as protagonistas, tanto individual como colectivamente, cando se xuntan para calcetar.

–¿Cal é o trasfondo da historia?

–É unha reflexión, unha historia en parte fantástica, en parte realista. As cinco protagonistas son aparentemente diverxentes, porén todas están oprimidas teñen un gran afán de superación.

–En relación con este tema, ¿que opina da iniciativa do Ministerio de Cultura de introducir a discriminación positiva a favor das mulleres nas axudas ao cine?

–Sempre fun partidario da discriminación positiva e sobre todo no caso das mulleres. Creo que estas medidas son unha forma de alterar ese papel subalterno ao que están sometidas e considero que a iniciativa favorece que se alcance a igualdade de oportunidades.