Os escritores Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós gozaron dunha relación amorosa que agora se coñece con detalle a través das súas cartas. A directora galega Paula Cons vai plasmar a historia de amor nunha película, “O meu ilustrísimo amigo”, que xa comezou a rodar en Madrid e Canarias e cuxas gravacións incluirán tamén Galicia.

Na pel de Emilia Pardo Bazán, atoparemos a actriz galega Lucía Veiga mentres que o papel de Galdós recae no intérprete canario Paco Déniz. A realizadora destacou o referente de Pardo Bazán polo seu feminismo e por ser unha muller forte na súa época.

Paula Cons –directora da exitosa serie “¿Dónde está Marta?” e da longametraxe “A illa das mentiras”– explicaba onte a FARO que “a película non xorde de min. É un encargo do que ao final me namorei. A idea foi do guionista Javier Pascual, director de contidos en Disney Plus e que antes traballaba en “El Ministerio del Tiempo”. El viu que neste tema había unha película e falou co produtor canario e este chamoume a min hai tempo”.

A realizadora coruñesa decidiu apostar tamén coa súa produtora, Agallas, para que o filme contara cunha parte galega, tendo en conta a importancia para Galicia da protagonista. Ademais a TVG tamén apoia o proxecto e o fin é emitir a película.

Cons subliña que a longametraxe descubrirá á audiencia o lado máis humano destes dous escritores universais: “Hai unha parte de ficción que reconstruímos en base ao que contan nas cartas. A min, hai moitas cousas interesantes. A relación entre eles era absolutamente contemporánea. A problemática que viven e como a afrontan é moi moderna de maneira que calquera persoa de hoxe en día pode ver o filme e sentirse identificada”.

A directora herculina fíxase nun punto en especial. “Unha muller cun físico non normativo como Emilia é ao longo da película unha muller desexada por varios homes interesantes. Esa mensaxe importa. Ademais, resulta moi sexi ver dúas persoas tan brillantes a interactuar”, sinala a autora.

Cons detalla que o filme fíxase en tres momentos da relación Bazán-Galdós. “Vemos como xorden os problemas e como se resolven na súa relación. É unha película que te atrapa porque ten unha trama clara e entretida. Arranca no 1887 e remata no 1889”, engade.

Respecto da elección dos intérpretes protagonistas, aclara que Paco Déniz era unha aposta da produtora canaria Jugoplastika. “Cando empecei a ensaiar con el deime conta de que era unha boísima elección. No caso de Lucía Veiga, tíveno moi claro. Nin fixemos casting para o seu papel. Eles están increíbles nos seus papeis. Hai unha química brutal entre eles”, sinala.

A realizadora confesa que, entre os seus obxectivos, figuraba facer “unha peli sexi e así é. É moi paixoal. Entre eles, hai todo ese lume, esa química e esa tensión sexual non resolta”.

Cons fai fincapé en que, con este filme, queren fuxir do clasicismo e ofrecer unha película moderna e actual. “Eles eran naturalistas e iso busca o filme” cuxa rodaxe acabará o 21 deste mes. Para a estrea, inda non hai data pero será nas televisións autonómicas de Galicia e Canarias.

En canto ás localizacións, explica que vanse ver varias, entre elas, os exteriores do Pazo de Meirás. No caso de Canarias, destacou que “os edificios históricos son alucianantes. Levei unha sorpresa con Las Palmas porque a arquitectura é moi interesante. Hai moitos edificios magníficos desa época”. Por último, destacou que é un equipo moi feminimo no que os cargos principais recaen en mulleres.