O programa “Traes unha cantiga?” deste mércores (TVG, 22.00 horas) gravouse en Bueu, concello cunha importante implantación dos cantos de taberna, como atopamos sempre nas vilas mariñeiras. Veñen ao programa os grupos Os Mulos, Os Palleta Mollada e Retrouso, tres conxuntos que representan moi ben a idiosincrasia, non só de Bueu, senón do Morrazo. A taberna escollida para a gravación é a sala de concertos Aturuxo, cunha grande actividade musical e dinamizadora da vida cultural do Morrazo.

Os Mulos naceu como comparsa do Entroido e hoxe é a máis antiga de Bueu. Segue participando nesas festas, pero pola súa idiosincrasia o empezar a cantar polas tabernas da vila foi algo natural. Din que fan música “informal” e defínense como “músicos de orella”. O seu repertorio basease na música popular pero tamén interpretan moitas composicións propias. O grupo está composto por 14 homes, con instrumentación de acordeón e catro guitarras. A canción elixida para “Traes unha cantiga?” é unha peza moi popular, “Falemos Galego”, coñecida por ser das principais do repertorio do grupo A Roda, pero realmente é propia dos Mulos, sendo o seu autor o compoñente do grupo Xosé Diz. O cantautor Suso Vaamonde escoitouna,gravouna e tamén a propuxo para o repertorio da Roda.

Actuación de Os Mulos no programa deste mércores. CRTVG

Os Palleta Mollada naceu en abril de 2019, tamén iniciando a súa andaina como comparsa de Entroido, pero evolucionando ao canto de taberna e indo a cantar aos furanchos da comarca. En 2020, tras a pandemia, o grupo amplíase, dando lugar á formación actual. Moitos dos seus integrantes saíron de asociacións tradicionais, como Retrouso de Cela, coa que de feito a día de hoxe seguen a compartir integrantes, ou a comparsa Os do Pinsel. É un dos grupos máis activos na península do Morrazo, poucas tabernas ou furanchos haberá nesta comarca onde non teñan actuado. . O grupo compóñeno 14 membros, con gaitas, zanfona, acordeón e percusión tradicional. Participan no programa coa cantiga “Farruco”, que é unha versión propia da popular “A miña burriña” que está no repertorios de grupos como Petapouco ou cantores como Xil Ríos.

Actuación de Retrouso no "Traes unha cantiga?" que se gravou no Aturuxo de Bueu. CRTVG

Retrouso cerra o programa deste mércores. É o grupo de música da asociación cultural do mesmo nome que naceu no 1996, para cubrir as necesidades do alumnado de música tradicional da parroquia de Cela. Conta co disco “Elelelos”, que recompila os cantos tradicionais do Concello e especialmente da Illa de Ons. Participan habitualmente en eventos de todo tipo e organizan os seus propios actos, como foliadas e ruadas. Hai dous anos decidiron participar nos cantos de taberna para gañar un carácter máis popular. A formación está composta por 10 membros con gaita, acordeón, tamboril, bombo e percusión miúda, ademais de cinco voces. A cantiga elixida para participar é “Muiñeira da Portela”.

O espazo “Traes unha cantiga?” é unha produción encargada por TVG a Producións Celta, cunha idea orixinal, escrita e dirixida por X. H. Rivadulla Corcón. O programa está presentado por Noelia Rey, e son o xurado permanente Sheila Praticia, unha das voces máis sorprendentes e prometedoras da música galega, e Alfredo Dourado do grupo de referencia do canto de taberna A Roda. En cada programa contamos cun padriño ou madriña dos grupos, que tamén forman parte do xurado, e nesta ocasión a madriña é Uxía, figura central na música galega, que coa súa labor de integración das músicas do espazo cultural que conforman a lusofanía, converte a música galega na principal dinamizadora deste espazo común.