A porta aberta chega hoxe (TVG ás 20.35 horas) ao seu capítulo 45 coa emisión de O pracer de estar sempre aprendendo, onde se mergulla no traballo que leva a cabo a a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal). Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, o programa dá a coñecer aos telespectadores a historia e a actualidade que desenvolve este colectivo e os obxectos que persegue.

Nesta ocasión, o episodio, dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, conta como convidados co presidente de Ategal, Ángel Fagilde, a vicepresidenta da entidade, Paula Sande, a psicóloga Majo Fares e a profesora voluntaria María Victoria Tizón.

Todos eles falarán de que entre os diferentes bens colectivos dunha sociedade debemos considerar a sabedoría que gardan as persoas maiores, seguir o camiño da súa experiencia e andar con seguridade. Así, farase fincapé na emisión en que para isto é preciso coidar dos nosos maiores, poñer en valor o seu legado. E unha forma de facelo é propiciar o que se denomina envellecemento activo. Na Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, Ategal, levan 45 anos transitando este camiño.

O programa recollerá o traballo nas aulas e as actividades que se realizan en Ategal, que propician beneficios transversais. A sabedoría de toda unha vida dunha persoa maior é transmitida, coa importancia que ten poñer os coñecementos ao servizo doutras persoas. Pero tamén propician a adquisición de novos coñecementos a idades avanzadas. E o que é moi importante, xeran relacións humanas entre persoas maiores e tamén interxeracionais.

A porta aberta tamén poñerá o acento en que ao envellecer éntrase nun período moi distinto a todo o vivido. Pero a vida continúa, a día de hoxe poden quedar moitos anos por diante, e descubrir o fermoso deste período pode ser unha aventura fascinante. Este é un traballo de vida no que Ategal pode axudar moito, ofrecendo unha forma de atopar insospeitadas posibilidades de novas formas de ver a vida e de relacionarse con outras persoas. Apréndese a envellecer activamente.

Os convidados do espazo, María Victoria Tizón e Ángel Fagilde, son dous moi bos exemplos de envellecemento activo e dunha forma de enveceller aproveitando toda a bagaxe que foron acumulando ao longo das súas vidas. A súa relación con Paula Sande e Majo Fares é unha mostra moi significativa do produtivo, en moitos aspectos, tamén no afectivo, das relacións interxeracionais. Eles sempre din que Ategal é unha gran familia, e os espectadores poderán confirmar a verdade desta afirmación.