Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Coa luz do corazón” céntrase mañá nunha das paixóns de Corina, os doces e os pasteis

“Paseando por un mundo doce” achega a protagonista do espacio da TVG a unha pastelería de Cangas do Morrazo que presume de facer unhas tortas de vangarda

Corina Mañá escoita as explicacións do pasteleiro Álex Pérez en “O pequeno lambón’. P.C.

“Coa luz do corazón”, espazo dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, chega mañá, sábado (TVG, 19.45 horas), a súa emisión número oito coa intención de mergullarse nun mundo moi doce. Neste caso, Corina Mañá, unha muller de paixóns diversas, mostra a las claras unha delas: os doces, as tortas e os pasteis. Unha paixón que, dende logo, comparte con moita xente. Pero unha cousa ben distinta é gozar do pracer de comer doces e outra do pracer de facelos. E quizais a quintaesencia dos doces estea en xuntar os dous praceres. Así que en “Paseando por un mundo doce” o programa propone a Corina ter a experiencia de facer unha torta e logo degustala.

Para facer a torta o espazo achégase a unha pastelería que teña algo especial, e atopamos en Cangas do Morrazo unha cafetería pastelería que fai doces de vangarda, chámase “O pequeno lambón”. Nela, o mestre pasteleiro é Álex Pérez e atende a cafetería e pastelería Sara Martínez.

“Coa luz do corazón” chega con Corina á pastelería e os reciben Sara e Álex, e toman con eles uns cafés mentres lle explican a Corina o tipo de doces que fan. Un tipo de torta moi especial que eles fan son as tortas con efectos espello. A Corina cústalle entender este concepto, pero cando consigue comprendelo queda fascinada pola idea. Trátase dunha torta que vai recuberta por unha película elaborada con ingredientes naturais que fan o mesmo efecto que un espello: podes verte reflectido na superficie da torta. É realmente un efecto sorprendente e atraínte.

Álex Pérez e Sara Martínez fascinan a Corina Mañá coa forma de facer os seus doces

decoration

Mentres Álex e Sara están explicándolle a Corina como son estas tortas, entra no establecemento Anselmo Rodríguez , un taberneiro veciño do “Pequeno lambón”, que rexenta a taberna “Manolo Mañanita”, e ven a encargar unha torta. Presentámoslle a Corina a Anselmo e falan moito, os dous son moi faladores, e Anselmo quere que a torta lla prepare Corina. A Álex parécelle boa idea, e vai con Corina ao obradoiro a facer o traballo.

No obradoiro o primeiro que fai Álex e situar a Corina mostrándolle onde están todos os electrodoméstico e utensilios cos que teñen que traballar. Despois póñense a elaborar a torta. Corina vai traballando seguindo as indicacións de Álex. Como xa é habitual, Corina sorpréndenos coa súa habilidade e determinación. Bate ovos, espreme limóns, amasa, monta a nata... parece que toda a vida fora reposteira.

Cando a torta está, Sara, Álex e Corina Mañá van levarlla a Anselmo á taberna “Manolo Mañanita”. Alí os agarda tamén Corcón, o presentador do programa. Anselmo ten a idea de que se coman a torta entre todos e saca un viño da súa terra para acompañalo, viño de Toledo. A torta está riquísima, no podería ser doutro xeito feita por Corina, e todos brindan cheos de ledicia.

O programa remata cunha entrevista do presentador Rivadulla Corcón a Corina, onde esta conta como viviu a experiencia de ter feito unha torta con efecto espello no “Pequeno lambón”.

Compartir el artículo

stats