A TVG2 emite esta noite, ás 21.30 horas, o quinto capítulo do programa A porta aberta, un espazo realizado por Producións Celta que se propón dar a coñecer o traballo do movemento asociativo galego. A entidade protagonista de hoxe é Escena Galega, colectivo integrado por compañías de teatro, danza e novo circo e cuxa finalidade principal é defender os dereitos e os intereses dos profesionais das artes escénicas, para que poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións.

O presidente da asociación, Santiago Cortegoso, e a vogal Paula Quintas, conversan co equipo do programa xunto a Artur Trillo, un dos membros fundadores, e Laura Sarasola, unha das asociadas. Falan da complexa tarefa á que se enfronta o colectivo, implicado na creación e sostemento da armazón empresarial das artes escénicas, tanto no seu aspecto económico como cultural, e na construción da idiosincrasia da sociedade galega.

O espazo, dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, amosa ademáis nesta entrega o empeño dos asociados de Escena Galega en establecer sinerxias coa sociedade coa fin de mellorala.

A porta aberta emítese de luns a venres na TVG2, ás 21.30 horas. Mañá o programa estará adicado á Asociación Galega de Matronas, que dará paso o xoves á Asociación Sindical Galega de Guionistas e o venres á Asociación Galega de Familias de Acollida.