A Seminci acolle hoxe a estrea do documental “María Casares: a muller que viviu mil vidas”, que asina o director galego Xavier Villaverde, realizador que leva con este proxecto na cabeza dende o ano 1985.

“Nese ano lin as súas memorias, ‘Residente privilexiada’. Quedei fascinado pola súa personalidade, traxectoria, o contexto histórico e pola familia. Como di María Lopo, María é unha figura clave da cultura contemporánea”, engade o cineasta.

Á hora de afrontar o relato audiovisual, Villaverde primeiro tivo en conta que a vida de Casares “estivo sometida a distintas metamorfoses, cando se acomodaba a un estilo ou lugar, pegaba rápida mudanza. A súa carreira teatral é camaleónica na abordaxe de personaxes”.

De aí que o relato se ofreza de maneira cronolóxica para ver como os feitos históricos a van convertindo nunha persoa diferente. Para Villaverde (autor de “Continental”, “Trece badaladas”, “Finisterre”, “O sexo dos anxos”) aí hai pechada unha lección e unha crítica para a actualidade: “Non vivimos tempos nos que o risco creativo sexa valorado, penso”.

Para fiar as etapas Villaverde explica que fixo unha investigación profunda na pandemia da súa biografía e dos materiais que se conservan de Casares. “Se ben actuou con Cocteau, con Bresson, facendo películas como ‘Les enfants du paradis’, ‘Les dames du bois de Boulogne’, ‘Orpheus’, ela era actriz de teatro. No cine ela non tiña o control absoluto da actuación. Investigaba moito nos textos. Fomos ás gravacións que se conservan dela. A súa memoria estase perdendo. É unha actriz de teatro e o teatro non perdura na memoria”, apunta o director do documental que tamén recorda que foi amante de Camus durante 16 anos.

A película busca ser un retrato íntimo de Casares e, de aí, que estea ‘relatada’ por ela nunha voz en off –das actrices Belén Constenla e Rosa Álvarez– cos seus textos extraídos das súas memorias xa que non hai interpretaciónn visual.

Villaverde tamén reflexiona sobre o cordón umbilical con Galicia: “Tiña unha nostalxia de Galicia moi profunda, da vida cos seus pais, da vida na Coruña.Na película contámolo na súa voz e na de outras persoas. Despois da morte de Franco a ela plantéxanlle interpretar ‘El Adefesio’ de Rafael Alberti en Madrid no teatro e volve a España no 1976. Había unha representación programada en Galicia. Ela vén de Francia e encóntrase cun país no que a xente ten excitación por falar de todo pero non é a democracia republicana que seu pai axudou a construír. Atopa outra España diferente. Non é ben acollida aquí, pois recibiu moitas críticas. Mesmo lle criticaban o seu acento galego ao falar castelán. O recibimento foi moi amargo. Ademais, a xira tivo que cancelarse porque enfermou de hepatite e tivo que regresar a Francia”, polo que non chegou a visitar Galicia.

Pero alén dese recibimento había algo tamén que María Casares temía. “Ela tiña medo de volver e non encontrar a A Coruña que coñeceu e que ao voltar as súas lembranzas desapareceran, ademais de ter medo de atoparse cos verdugos que expoliaron a súa casa, que destruíron a biblioteca de seu pai, que secuestraron a súa irmá, quen estivo no cárcere e despois con vixilancia na casa. Casares Quiroga estuvo chantaxeado polo franquismo porque tiñan a súa vflla e neta secuestradas. Nestes tempos nos que se intenta reescribir a historia e convertir un golpe de estado nun movemento de salvación nacional, penso que é necesario recuperar a memoria e contar o que pasou. Por iso é fundamental a recuperación de figuras fundamentais como a de María Casares. Ela foi unha das persoas máis importantes da cultura galega. Os galegos necesitamos autoestima e esta empeza por reivindicar figuras deste calibre. A súa vida é unha novela apaixoante”.

Para o director do documental, “resulta sorprendente que en Galicia non haxa ningún teatro chamado María Casares. Loitar contra o esquecemento é complicado, parece que as cousas extraordinarias do pasado non importan”.

Respecto á estrea na Seminci, recalca que “sempre fago as películas para o espectador. Non é un documental tradicional inda que é unha obra persoal”, aclara Villaverde.

Ao longo do filme,para narrar a guerra ou outros episodios, amosa distintas obras artísticas como collages, fotos ou gravados dos creadores Conde Corbal ou Sara Lamas, Luz Beloso, Xoán Cancelo, entre outros. Ademais presentan fotos do fondo municipal de A Coruña, así como fragmentos das obras de teatro de María Casares que se conservan no Instituto Nacional do Audiovisual ou no Instituto da Memoria e Edición Contemporánea de Francia.

A idea é despois da Seminci, coincidindo co centenario de María Casares que naceu o 21 de novembro de 1922, o día 22 de novembro se proxecte no Teatro Colón de A Coruña a película. En febreiro ou marzo chegará a estrea nos cinemas e plataformas máis na TVG.