Mercedes Peón está de celebración. Agora si pode festexar os 20 anos do seu álbum debut, “Isué”co que se fusionou por primeira vez os sons de raíz galegos cos electrónicos chegando a escoitarse e ser premiada mesmo pola BBC3 e listas de éxitos de música tradicional. A compositora e intérprete está a piques de estrear novo proxecto. Non se trata dun novo álbum, senón dun espectáculo en directo que percorre os seus cinco discos. O Auditorio Municipal de Vilalba (Lugo) será o primeiro en acollelo o día 2 de abril.

–Por que “Ingrávida”?

–Xorde por esa sensación de cando estás na auga, nesa ingravidez. É como se o tempo parara, como se os vinte anos de carreira estiveran no agora. É unha celebración porque cando saquei o primeiro disco pensaba que só sacaría ese ou, como máximo, dous. A vida levoume á composición e tamén á actuación, inda que isto último non é o que máis me gusta do mundo.

–Iso conecta moito con esa sensación nun concerto que se goza de estar nun paréntese temporal ata que acaba e volves á realidade.

–A min, acontéceme con certos temas ou, ás veces, co concerto enteiro. Inda que outras é resistencia no escenario cando non acontece iso. Iso que acabas de describir é o que busco.

–Chamoume a atención antes o de que actuar non é o que máis lle gusta, pensei que era ao revés.

–Eu son moi tímida. A min, o que máis me gusta é ensaiar. Para esa relación coas músicas, cos instrumentistas, non fai falla a exposición. Non é que o pase mal na escena pero ata chegar a ela si que o paso mal, con nervos, preguntándome por que fago isto. Recordo plantexarmo nun teatro fermoso en Budapest. Entón pensei que me trouxera ata alí.

–Nestes 22 anos de andaina, houbo momentos de dubidar se tirar a toalla?

–Non foi un camiño de loita, senón de respirar tranquila porque tiven moita sorte e satisfaccións. Cheguei a pensar e sigo de que non teño a necesidade de seguir sacando discos. De feito, a miña última obra é “Ósmose”, que non é un disco, senón unha peza híbrida; ademais dunha banda sonora para unha película e outra para o filme “O corpo aberto” de Ángeles Huerta. Non é tirar a toalla senón seguir doutros xeitos no eido sonoro con certa mutación.

–Que lle espera ao público en “Ingrávida”?

–Os ensaios están sendo emocionantísimos. Hai participacións fundamentais como As Xirifeiras de Fene e As Raigañas de Cerqueda. Cando entran elas non podemos máis que guiarnos por elas e tampouco parar, porque viríase a escena abaixo. Acabamos todas breadas porque é algo moi forte. Tamén teremos a Icía Varela e Gisela Sanmartín, máis tres vocalistas do Proxecto Vocal Concerto Tempo, Laura Gómez, Laura Iturralde e Yolanda Allegue que veñen do mundo lírico..Eu tornei a unha música moi electrónica e quería unha relación novamente co acústico o que se consegue con Caamaño & Ameixeiras.Tamén están Mónica de Nut e Ana Fernández. Os ensaios son de éxtase total.

–A idea é repetir este formato nos seguintes concertos ou só se agarda para este primeiro directo en Vilalba?

–En principio, este é o formato que temos. É como ten que ser. Non son cachés inflaccionarios pero nin sobra nin falta ninguén.En principio, é unha xira para 2022 e 2023 que convive coa peza híbrida “Ósmose” e coa que teño con Janet Novás.

–Vostede é un referente pero era consciente do que ía ser o “Isué” naquel ano 2000?

–Non, eu precisaba posicionarme como unha persoa con moitas singularidades. Cando saquei o primeiro disco tiña unha necesidade vital de expresei o que recollín nel: dende cuestións feministas ata de autoestima cultural ou levar a enerxía das músicas das aldeas. “Isué” foi a busca dunha fórmula e vexo que influíu a grupos. Eu, contenta. Eu cría que había que investigar a enerxía musical que había aquí.

–Como ve a evolución da autoestima cultural deste pobo?

–Nosoutras teriamos que enmarcar que é este pobo. Poderiamos falar do eido das cidades e do eido das aldeas, estas últimas como creación colectiva en microhábitats, cunha lingua, cun xeito de entender a vida e unha cultura potentísima. Pero os pobos desaparecen e estamos a sufrir un colonialismo cultural. Non goza de boa saúde nese senso. Agora, as persoas urbanas teñen unha autoestima maior. Non podemos tratalo como algo binario. Cada vez hai máis autoestima pero menos xente falando galego. Estamos como podemos, en resistencia.

–Se cadra nun punto do camiño da desaparición de moitas cousas.

–Si, de feito “Ingrávida” empeza así cunha parte metafísica e o segundo tema é “Desaparecer”,coa tristura que me atravesa a alma.Pero vén despois a resistencia e a xenreira.