“Non é o mesmo interpretar un disco que cantar algo cando nace de ti”. Andrea Pousa non solta esta frase como unha machada contra o pasado senón como unha reflexión sobre a evolución dunha artista que dende o seu primeiro disco ten crecido e, sobre todo, aprendido. O resultado dese avance amósao en Retorno, o seu segundo álbum onde os toques electrónicos son como a condimento dun prato no que as influencias tradicionais da música galega e portuguesa e mesmo caboverdiana se dan a man con sons contemporáneos e mesmo pop.

Pero, a onde retorna Pousa? “É unha volta a publicar pero tamén ás miñas orixes entre Galicia e Portugal, é como voltar á miña esencia”, explica a artista tomiñesa que nesta ocasión se estrea tamén como compositora dalgúns dos temas.

De aí, que este disco sexa tan especial á hora de cantalo, tanto que só sentiu naturalidade cando recentemente o pre-estreou en Tui. “Estaba tan segura de min mesma que incluso me asombrou, tiña o disco tan dentro de min que só tiña que soltalo ante o público”, recorda a artista para lembrar tamén a conexión especial que tivo co público ao interpretar “Disfraz”, unha canción sobre a violencia de xénero que non se inclúe no disco xa que a inspiración xurdiu cando xa comezara a gravar este antes do inicio da pandemia. De feito, a idea é publicar o tema a finais deste ano, segundo adianta.

“Cando comezou o confinamento, un pouco antes, estabamos na cuarta fase da gravación do álbum novo. Colleunos a pandemia e tivemos que parar un pouco co disco porque eu estaba aquí e Paulo Borges, o produtor, estaba en Lisboa”, rememora.

Novo camiño

Para Andrea Pousa, o traballo co produtor luso foi a estrela que lle abriu un novo camiño polo seu particular cosmos creativo. “El non me cortou as ás para traballar. Foi un luxo, con outra xente pode ser difícil pero con el non o foi”, defende a autora.

Foi el tamén quen compuxo parte dos temas do disco, un álbum que Pousa defende como “un concepto máis moderno, máis vangardista. E foi Paulo quen me axudou moito, incluíndo influencias de música de Cabo Verde que se non fora por el, non se me ocurrirían. El abriume a mente no musical inda que case todas as letras son miñas”.

O disco presenta os temas que foi adiantando este verán, cun chiscar de ollos ó Camiño de Santiago no tema “Camiñares” onde presume de rexistro vogal e que logrou promocionar en canles de diversos países de América do Sur.

Cancións especiais

Pero entre todos, hai dous que Andrea Pousa destaca cando se lle pregunta por dúas cancións especiais. A primeira á que fai referenza é “Do teu lado”. “É moi emocional”, comparte para engadir que fala “do amor puro e real. Cando o amor é así ninguén pode ocupar ese espazo inda que a persoa estea lonxe ou non vaia voltar”.

O segundo tema que Andrea escolle é “Bendito desliz”, unha composición máis divertida ca anterior. “Fala da historia dunha persoa que chega a unha cidade abrumadora e que tropeza e cae para atopar unha man que a axuda. Hai aí un frechazo, uns segundos nos que imaxina como podería ser a súa vida con esa persoa”.

Pousa suspira por voltar ós escenarios neste ano convulso de pandemia. “O espectáculo que temos ten moita variedade, con proxección, coreografías... é moi divertido”, sinala unha artista que confesa que o camiño da arte “non é nada doado. Implica estar innovando sempre. Hai que estar activa sempre, pero estou contenta, estou crecendo”.