O Morrazo eleva a aposta e celebra o Día de Rosalía de Castro, a grande poeta das letras galegas, con dúas xornadas de actividades. Comeza Bueu con actos ao longo da tarde-noite de hoxe, aproveitando que mañá, e por vez primeira, o Día de Rosalía é festivo no concello bueués.
Ás 20.00 horas, na sala multiusos do Centro Social do Mar preséntase o poemario “Brinde e desespero” co que Miguel Sande gañou o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía Concello de Bueu. Intervirá o propio autor do poemario así como o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o director de Xerais, Fran Alonso.
As actividades desprazaranse despois ata o auditorio do mesmo inmoble, onde os actores Isabel Risco e Fran Rei porán en escena a obra de teatro “Dúo Vaguedades-O espectáculo”. Trátase dunha comedia pragada de escenas que reflexan o xeito de ser e falar propios dos galegos.
En Moaña, como é habitual, os actos serán en Domaio, no centro cultural que leva o nome de Rosalía de Castro. Este xoves 23 ás 17.00 horas a Asociación de Mulleres Poza da Moura será a encargada da ofrenda floral ao busto de Rosalía, con actuación do mestre gaiteiro Xavier Blanco.
Despois o grupo de teatro de Charaviscas porá en escena a obra “Poesías de Rosalía”, dirixida pola recoñecida actriz María Salgueiro. O grupo tradicional Cantareiras Arco da Vella, tamén de Domaio, porá a nota musical con “Cantigas a Rosalía”.
O teatro pechará os actos moañeses coa obra “Sempre Rosalía”, de Ana Ponte e Diego Freire, da compañía Producións Dispersas.