Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pesca e o seu aproveitamento na comarca

Fomentadores e xábegas na enseada de Aldán (III)

Terceira fase do asentamento catalán e chegada a Cangas

A fábrica de Punta Halada, en Vilanova, na súa denominación orixinal e que provén de "halar" as redes.

Neste periodo vaise producir o desprazamento cara as Rías Baixas dos fomentadores cataláns, producíndose moitos litixios entre eles que se van resolvendo con regulamentos de pesca. A perda dos privilexios eclesiais da Colexiata a causa da Desamortización vai propiciar que os fomentadores poidan finalmente ir instalando as súas fábricas en Cangas

Segundo os datos e cálculos suministrados polos estudosos do tema, a terceira ondada de fomentadores vaise dar entre o ano 1809, unha vez expulsos os franceses, e o 1825, supondo isto o restante 25% dos establecidos en total en Galicia. Como xa comentamos, á chegada dos franceses volveuse prohibir o uso da xábega e ao que se ve, xa eran moitos mariñeiros en Cangas os que facían uso dela a teor das multas e embargos de barcos e redes que case os somen na indixencia. Por outra banda e ao fío do ano 1800, os cataláns xa avanzaran máis alá da ría de Aldán, instalándose en Beluso Joan Ricart que collera en arrendamento o que fora o denominado Real Almacén (despois Massó) e Nicolás Domenech en Marín que investiría logo en Bueu e Beluso. O novo réxime constitucional vai proveer novas normas de pesca, destinadas agora a regulamentar polo miudo os tempos e os lugares de uso de cada arte, diminuíndo a conflitividade na pesca pero aumentando os litixios entre os xa numerosos fomentadores.

O aluguer e venda de fábricas tamén vai ser unha constante a partir destas datas, o que dificulta o seguimento das realmente instaladas e os seus donos. Neste sentido e tempo, podemos constatar que, ao menos desde comezos deste século, Vicente González Gayoso e o seu irmán Alexandro, rendeiros e tratantes de viños e gando residentes en Cangas, rexentan unha fábrica de salga en Aldán que en 1814 van arrendarlle por tres anos a José Benito Martínez, percibíndose tamén que os cataláns xa non eran donos das artes nin as alugaban, adicándose a mercarlle a pesca aos escasos patróns que posuían algunas delas e barco.

A pesca na ría de Aldán en 1882.

Entre 1810 e 1816, o desabastecemento de sal vai provocar que esta se obteña de contrabando e que pola súa demanda vai ser tamén un negocio moi lucrativo. Tamén os efectos da guerra antifrancesa e as cargas impositivas polas guerras coloniais en América desde 1818, habían xerar un estado de penuria para o comercio da pesca. A xente de mar de Cangas había sufrir estas restricións, ficando os patróns descapitalizados, polo que teñen que recorrer a empréstimos para poderen faenar. Outra cuestión que influiría nesta situación sería a oposición dos fomentadores a seguir pagando o Décimo do Mar cuxos inicios xa se detectan a finais do século XVIII. Desde 1811 vanse recruecer as protestas dos fomentadores, apoiados agora por moitos patróns, que acabarán litixiando por este tema cos reitores das igrexas que conseguirían unha sentenza ao seu favor en 1813. Coa chegada do Trienio Liberal (1820 - 1823) increméntase a oposición aos décimos, provocando que en 1821 a Colexiata de Cangas xa presentase un déficit confirmado polo mordomo.

Os fomentadores vanse opoñer a pagar o Décimo do Mar cuxos inicios xa se detectan a finais do século XVIII e apoiados por moitos patróns, que acabarán litixiando por este tema cos reitores das igrexas que conseguirían unha sentenza ao seu favor en 1813

decoration

Os datos que temos sobre os fomentadores nestas datas na enseada de Aldán indican que en 1819, Juan A. Curbera vaille vender a súa fábrica de Tras o Con a Joseph Romero, volvendo a recomprarlla logo en 1822. En 1821 a viúva de Vicente González Gayoso, que recuperara o arrendo da sua fábrica, vai facer sociedade a medias co seu cuñado Alejandro Fernández. Na altura de 1824 José Ignacio Soage e Ramón Otero teñen fábrica no Hío, sendo Pedro Dionisio Lafuente quen rexenta fábrica en Pedra Testada, Félix Ferrer faino en Rioesteiro e Simón Agulla en Punta Halada (de halar a rede), sendo que Francisco Tapias traballa en Aldán, Ventura Moreu y Cia en Tras do Con e Barra e Francisco Genaro Ángel ainda seguía coa fábrica do Con. A partir de 1827, moitas das fábricas entrarían en crise pola falta de produto e a alta carga de impostos, reducindo a mínimos o traballo, pechando ou mudando de actividade.

Unha ilustración de mariñeiros halando as redes na praia.

Na altura de 1828 e coa supresión do Décimo, a Colexiata canguesa, dependente do arcebispado, aínda seguía sen rexistrar ingresos da pesca o que provocaría que moitos mariñeiros se vaian convertendo en armadores, coincidindo tamén coa menor esixencia da Matrícula do Mar (reforma dos exércitos) e o peche dalgunhas fábricas de salga cuxos fomentadores retornarían a Cataluña. Durante a crise e no ano 1829, acentuada ademais pola supresión do comercio con América, deixarían a salgadura Félix Ferrer e Pablo Ortega que se adicarían agora só á compra-venda de sardiña, á venda de produtos ou como arrendadores de redes de pesca. A Desamortización do 1837, eliminaría definitivamente os restos do pago do Décimo e instalarían no Hío as súas fábricas de pesca (xa na terminoloxía da época) Juan e Simón Curbera, Carlos Figueres, Juan Ventura Moreu (edil en Vigo) ou Leopoldo Lamberty que máis tarde iría para Menduiña. Como dixemos, nestes anos, un elemento tan importante como o sal pasou por épocas de restricións que provocaron o seu contrabando, revendas, fraudes e periodos de alzas e baixadas no prezo deste produto tan necesario para as salgadeiras.

Nestes anos, un elemento tan importante como o sal pasou por épocas de restricións que provocaron o seu contrabando, revendas, fraudes e periodos de alzas e baixadas no prezo deste produto tan necesario para as salgadeiras

decoration

En 1841 decretaríase o estanco do sal entregándollo a arrendatarios pero en 1846 poríaselle fin a este arrendo pola nova crise da sardiña que en anos anteriores tivera anos de malas e boas colleitas que sería longo de pormenorizar. Entre 1850 e 1860 as principais salgadeiras son as de Francisco Gil Montelles en Temperáns, a de Benito Ferrer en Rio Esteiro e a de Juan Moreu, entanto Ventura Moreu e fillo instálanse en Barra e Tomás Gallup en Aldán. A partir de 1860, ademáis dos anteriores, vai establecerse no Hío Simón Agulla e en Balea José Barreras que vai ser o primeiro establecido en Cangas.

Asentamentos cataláns nas rías galegas.

En 1870 produciríase o desestanco definitivo do sal, deixando de ser un problema e xerando un novo estímulo nesta industria. Por este tempo, os fomentadores van rachar coa súa tradicional endogamia e comezarán a casar con galegas de familias podentes e a facer negocios cos escasos galegos que se dedicaban ao trato e procesado da pesca. A importancia da pesca na enseada de Aldán nestes anos, levaría a que esta fose considerada como un distrito marítimo, instalándose para o control da mesma unha axudantía de Mariña dirixida por Juan Medina y Reina cara a 1850.

Os fomentadores chegan a Cangas

Hai que deducir que polos envíos de peixe que saían do porto de Cangas, en principio congro e polbo e logo sardiña e outros peixes, estes ían previamente secados e máis adiante tamén lañados en salmoira. Neste sentido, acredítase en 1748 unha fábrica de salga dependente da confraría canguesa da Misericordia que nesta altura tiña sustituido á do Bon Jesús no control arcebispal do produto do mar. Isto indica que en Cangas e no seu anexo de Darbo aínda pervivían os vellos sistemas de conservación do peixe, entanto en Aldán, desde o 19 de setembro de 1840 xa se intenta poñerlle fin aos enfrentamentos na ría, asinando un regulamento que é o máis antigo que se coñece.

Estas normas serían anovadas en 1855 na Axudantía de Cangas, asinadas por fomentadores, armadores e patróns desta área de pesca e no mesmo recóllense as postas, horarios e tempos para cada arte, lances, preferencias... Asinan este documento Antonio Aranda Peri, Juan Buet, Jaime Bolívar Galup, Manuel Menduiña, Domingo A. Gago, Manuel Otero e Manuel A. Martínez, agás os Ferrer y Valverde que se abstiveron de facelo. Tampouco asinan este e outros documentos, os irmáns Lluch pois acabaron enleados entre eles nun longo pleito que se resolveu a favor de José Manuel, entanto a fábrica de Ameixide acabou sumida no abandono ata que en 1860 foi mercada por Francisco Gelpí con fábrica en Bueu que en 1798 xa tiña mercado unha casa pertencente á antiga reitoral do Hío.

Anuncio de venta pola crise da sardiña.

Entanto en Cangas, a pesca vai colapsar como negocio ao se suprimiren nestes mediados de século, os décimos e primicias da colexial e cara a 1860 xa temos instalada a primeira fábrica de salga, que vai abrir da man de José Barreras (logo Viúva de J. Barreras e Hijos) en Punta Balea. Moi preto deste, abriría Francisco Gil Montelles, copropietario de barcos de comercio a América, que tiña fábrica en Bueu, a xa citada de Temperáns e outra na illa Norte das Cíes (Punta Muxieira) e que vai ter roces cos Barreras pola construción do peirao da Congorza en 1864. Nestas datas tamén se instalaría en Cangas Joaquín Francisco Graña Rodal que tiña tamén na illa de San Martiño a outra das dúas fábricas de Cíes que desde 1837 pertencera a Ramón Buch.

A vella tradición do secado do polbo seguía viva en Cangas pois en 1884 o empresario José Idal ten que enfrentarse á unha reclamación veciñal no Concello polo forte cheiro que desprendían os seus secadoiros do Forte que se manterían alí a pesar de todo.

decoration

Remataban así moitos anos de oposición do gremio dos mariñeiros cangueses ao establecemento dos fomentadores cataláns na súa zona, sempre apetecible polo seu volume de pesca, pois nestas datas aínda suministraba uns 60 millóns de sardiñas frente aos tres que se pescaban no Hío e Aldán. A flota de Cangas, ademais disto, era unha grande abastecedora doutros tipos de peixe e de congro e polbo, produtos nos que xa viñan destacando desde antigo na sua exportación en reas de cabalerías ou por Redondela comunicada por estrada que logo mudaría ao porto de Vigo coa mellora das comunicacións terrestres grazas a estrada Vigo-Villacastín. A vella tradición do secado do polbo seguía viva en Cangas pois en 1884 o empresario José Idal tén que enfrentarse á unha reclamación veciñal no Concello polo forte cheiro que desprendían os seus secadoiros do Forte que se habían manter alí a pesar de todo.

Consuelo, a última lancha de xávega de Bueu.

Voltando a Aldán, consta que nos anos de 1865 e de 1868 se farían novos regulamentos para a ría, avalados polas autoridades e sempre dirixidos a controlar o potencial pesqueiro das xábegas, conseguindo traer certa paz e concordia na pesca da ría. Nunha matrícula de subsidio de 1872 do Concello de Bueu, figuran como fabricantes de salga no Hío, Félix Ferrer, José Gelpí (fillo de Francisco), Ventura Moreu, Celestino Buet (tiña un galeón de transporte), Simón Agulla, Serafín Barros e Manuel Lourido Besada e Tomás Galup Moreu en Aldán. Por datos estatísticos de 1878, o porto de Aldán aparece reseñado como o segundo de España en valor material (900.000 pts.) por detrás do da Póboa do Caramiñal, tendo a 3.154 persoas empregadas. En 1879 Leopoldo Lamberti Proglio, que tiña unha salgadeira en Cabo Pequeno, pasaría a rexentar a fábrica de Ameixide que antes fora dos Gelpí e logo de José Dotras Fábregas que casara con Victoria Lamberti, entroncando ambas familias. Finalmente, esta fábrica sería comprada por J. Ramón Curbera Puig en 1906.

Grazas a outro dos regulamentos, asinado o 16 de maio de 1882, podemos achegar máis nomes de armadores e propietarios de xábegas e cercos na ría de Aldán como eran Benito Ferrer Blasco, José Fernández Gandón, Manuel Prieto Armelo, José Lorenzo Otero e Carlos Pardavila Piñeiro do Hío con Enrique Mandado Bermúdez e Serafín Barros de Aldán. Neste acordo tamén asinan Jaime Bolívar Galup de Bueu e patróns como J. Benito Sestais Pousa, Cándido Gago Otero e os Lorenzo Menduiña, Carballo, Portas ou M. Rodríguez.

Xerardo Dasairas

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats