Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A riqueza arqueolóxica na parroquia de Beluso

Composición con algúns dos achados documentados por Antonio Piñeiro. | // ANTONIO PIÑEIRO

O veciño de Beluso Antonio Piñeiro leva tempo percorrendo os montes da parroquia bueuesa para descubrir e documentar a súa riqueza arqueolóxica en forma de petroglifos. Un traballo do que informou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para a súa catalogación. Precisamente nestes días un arqueólogo enviado pola Xunta percorre os montes de Beluso para corroborar eses achados.

No comunal do meridiano parroquial, nunha devesa entre canteiras vellas, damos cun soporte insólito de morfoloxía peculiar: un cón hemisuspenso que presenta, singularmente en parede, catro magníficas coviñas oblongas. Polo lombo practicáronlle, ó caron de pía natural endorreica e dentro de piola artificial, cadansúa coviña de sección semiesférica. A pouco por leste, sobre de vertixenosa carricova a groba desecándose, o piso dunha gorida con reminiscencias dolménicas foi o elexido por artífices predilectos para se expresaren con once foxiños máis (malia que interiores, sen atisbo de impactos), pero para tamén antecesores seus improntaren nese sitio ben distinto creacións moi diferentes:

–Dous extraños rebaixes circulares da grandura dun vinilo elepé, quedando un en depósito con coviña central de veludo e o outro a medio afondar.

– Dúas formidables cavidades rectangulares (38 x 20 x 7 cmts. e 33 x 22 x 4,5 cmts.) da feitura dunha artesa con plan de gamela e encabadas; para mudos, machucados, amolecidos, tinguiduras … Veñen sendo moíños manuais fixos naviculares, de fricción e vaivén; coa man (pedra de moer) desaparecida. Morteiros tamén serían. Estamos perante manifestacións agardables do II milenio de a.d.C., para nós de gran relevancia; onde non só encandea a relación continente-contido senón que por primeira vez asistimos acó ó encontro dos motivos frecuentes sen referente coñecido (as profusas e enigmáticas coviñas) cos útiles cotías e/ou cerimoniai, de cronoloxía avaliada como anterior: os petróglifos abstractos atopáronse coa mesa presidida por artefactos concretos; unha representación subxectiva afastada do protagonismo por un obxecto real. Aprécianse amais limados e relevos sutiles, indicios de o conxunto ter caracteres engadidos previos ó seu desgaste. A estudar polo miúdo. Nos colmados desta mesma contorna eucalíptica, na terreña dunha lapeira absidal onde dicían Os Tobos dos Raposos, quedaron un primixenio instrumento lítico e fragmentos cerámicos, parte rudimentaria dos aveños domésticos de residentes temporais amañándose, que sendo cautos e ás expensas da preceptiva análise profesional, poderían trasladarnos a máis atrás no tempo. Nos outeiros do rechán, nas penouchas da aba norte e noutros afloramentos propicios da súa valgada erma batemos con decena e media de coviñas análogas de igual bruñido e presunta mesma autoría, debendo deternos nunha profunda elipsoide (18 x 5 x 3,5 cmts.) de remate impecable mirando a camiño de dous carros.

Composición con varios petroglifos nos montes de Beluso. Antonio Piñeiro

Desubicada e deitada demarcando un pasteiro, unha cachota luída de aprox. 0,75 x 0,30 x 0,40 cmts. foi toda ela esburacada e centos de anos despois crucificada ata hoxe resultárenos un embrollo. Non se escolleu nin se colleu outra pedra para os intrusos sinais santificadores. Seica ós existentes, a aqueles poziños tan ben feitos, xa de sempre se lle ventara alta significanza e conviña compartir peaña con eles; non eran cousa de profanar. Porén, na exaltación do novo credo tan prodixioso, malo sería non poder estragar unhas poucas: encanándoas atallábase no entallado destoutros enxeñosos adobíos modélicos nunca tales vistos e igual ca dous carreiros ou catro. Nada disto lle é alleo ó amplo repertorio dos marabillosos petróglifos galaicos.

A rente do manancial bieito un mamposto derrubado amosa trazo trilátero subanguloso e coviña. Vintedúas delas -catro ovais- comprimía un rebo soterrado de 0,16 m² (vai nunha cesta) na estivada de embaixo, preto dun poboado deshabitado desque últimos do S. XVIII á fin exhibindo estrutura ritual castrexa e ara dun mundo romano anterior ó de Mourisca, Canexol e Pescadoira . Úrxelle excavación en área. Nos comareiros pirófitos dianteiros un pedrón sobranceiro de gran medio, chantado inclinado no valo dunha congostra ós muíños medievais inzados a gravuras, ensínalle ó visitante coviña exempla, cinco desbastes pseudopediformes e un semellando pá ou mazo.

Máis restos arqueolóxicos documentados por Antonio Piñeiro. Antonio Piñeiro

Polas laxes inevitablemente paseadas da canexa que nos deixa na praia máis pintoresca do término sucédense cicelados suxerentes a logo se converteren en labras significativas nas penas lavadas da inmediata ribeira. Son aparicións inauditas polo inusitado da paraxe ; que non deben abraiar, porque de antigo con preferencia se apañou pedra a esgalla destes nosos penedos máis enseados. Da súa calidade e concorrenza dan conta esta sucesión de misteriosos símbolos dun código segredo: marcas corporativas funcionais da linguaxe exclusiva duns picapedreiros e canteiros vindo a modernos. Pero no treito si chama a atención dos Inventarios un firme no que converxen curiosa galga alongada en chafrán, cumprida cruz patada e catro coviñas extraordinarias a ferro. De adscrición histórica, poderiamos estar a informar das máis salgadas do NW peninsular, a máis nada doce mts. da marea chea e menos de tres sobre o seu nivel. No curuto do cantil un acubillo de acceso intricado acocha unha concavidade cadrilonga (31 x 21 x 2 cmts.) co feitío dun dorneiro: outra equipa versátil de moenda, inmóbil barquiforme, de fretado e bambeo; inconclusa ou botada a perder, esvaída e co cabo -receptáculo de apresto con canle de trasego- apenas perceptíbel. Da tipoloxía menos común: milenio III de a.d.C.

Se no cume do actuado nos colle, meirande satisfacción é poder advertir da expansión espacial dos petróglifos locais, constatada polo achado das agora primeiras insculturas prehistóricas noutra das aldeas. Documentadas arestora grazas a este xornal, témolas nunha encrucillada de labradíos mortos cun outeiral susceptíbel de prospección. Tan procuradas como excepcionais polo novidosos do seu enclave e textura base: Montemogues (restrinxido da litoloxía idónea cumpre década sen demostracións por mor de vandalismo consentido) e coiro de sapo con dente de cabalo (granito bravo acristalado), que no entanto presenta sete espléndidas coviñas rotundas e regularizadas. Eran os signos repicables, pretendidos indelebles, de non sabemos que importantísimo; se cadra dalgunha lideira que aínda teñamos. Pagaría pois a pena tanto picado preciso en mineral adverso, habendo executalas un técnico teimudo desta volta cómpre mediante percusión indirecta, batendo un seixo contra outro. Se acaso foi este mesmo especialista, quizais devanceiro dalguén de nós, quen no peado ladeiro esqueceu o seu prezado trebello multiusos: un recho pentaface -acépteseme- de cuarcita gris. Para manifestacións deste teor os admirables investigadores/as que no país temos e dos que presumimos sosteñen datacións superiores ós 3000 anos de antes do presente.

Outra composición cos restos documentados por Antonio Piñeiro. Antonio Piñeiro

Quedan fóra deste relatorio outras pegadas e material entre os predios baldíos que chamaban da Estremadura, a incluir formato editorial diferente concibíndose, que contemplaría asemade descripción concisa de dous dos fitos divisorios primitivos do noso sur e por tanto das súas indicacións impresas, con agardemos máis nada loias de espolio desque vai para un decalustro. Un a un os vestixios relacionados son modesto aporte deste privilexiado curruncho ó tesouro que o país agocha. Orixinais e irrepetibles, testemuña refulxente duns fenómenos culturais complexos, potenciadores da nosa identidade e recurso primordial de inmenso valor a ser promocionado e logo reclamado; a deber racional de atender e preservar sen proclamas. No embargante, aínda que lles foi lexislada máxima protección, o seu estado de conservación case nunca óptimo adoita agravárese ata o estrago irreversíbel por mor de agresións, aturadas e mesmo decote impulsadas pola inclemente indiferencia de servidores públicos que nin manteñen nin sinalan nin atraen.

Unha nova composición con máis descubertas nos montes de Beluso. Antonio Piñeiro

Se logramos integrar estes bens peculiares de enorme interese, inventariándose oficialmente vai para un ano, nun imprescindíbel ensino educativo poderemos, ademáis de incrementala súa presenza, interferir na indolencia corporativa actual e frear aqueloutra das futuras xeracións. Legado fráxil pois a tódolos efectos, que só tornará en acervo consistente cando decidamos darlle a merecida importancia: o que nós pensemos do que temos vai ser o que nos permita xuntar patrimonio ou quedar sen ningún, se todo despreciamos nada imos ter; e así nos vai … Galicia pode fardar de gravados rupestres nunhas seis mil pedras; estimados como artísticos uns cantos. Pese a que demasiados van ser invisibilizados, decote por mor da desconsideración deliberada de responsables con escola, o seu número aumenta inexorablemente. De estaren todos eles coidados e escenificados, coa obrigada dignificación, canto fai terían sido declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; de nós depende, levan tempo agardándonos. Cando negocios e organismos, sen arriaren chica en desenvolvelos, lle botan man dalgunhas das súas iconas para servírense dun logotipo propagandístico impactante, enseguida entendemos de interpretalos como algo propio; pero este eche outro conto. Conto que nin se lle ocorre contar ó espantallo diapositívico do lúcido consistorio bueuense; non fore ser …

*Veciño de Beluso

Compartir el artículo

stats