Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guillermo Carbajo Actor de "O mozo da última fila"

“Claudio é un psicópata de 17 anos, que nos deixa en evidencia e logra que nos riamos de nós mesmos”

Guillermo Carbajo (á dereita) como Claudio xunta a Xermán (Roberto Leal), o profesor de Lingua e Literatura. | // REDRUM TEATRO

O teatro volta este fin de semana ao Auditorio de Cangas coa adaptación ao galego de “O mozo da última fila”, unha montaxe de Redrum Teatro. O texto é orixinal do dramaturgo madrileño Juan Mayorga, que gañou o Premio Max ao Mellor Autor por esta obra en 2008. A versión galega tamén estivo nominada aos Premios María Casares 2021, nos que Belén Constenla recibiu o galardón á mellor actriz secundaria. A obra está protagonizada por Guillermo Carbajo, que interpreta a Claudio, un estudante de Secundaria que pasa desapercibido e que só destaca en Matemáticas. Ata que o profesor de Lingua e Literatura solicita unha redacción sobre o que os seus alumnos fixeron na última fin de semana, que serve para mostrar unha inquedante capacidade de observación e manipulación do mozo á hora de entrar no fogar dun dos seus compañeiros. A función será este sábado, ás 20.00 horas no Auditorio de Cangas [cun 75% do seu aforo, que a partir de novembro pasará ao 90%], e as entradas están a venda a partir de 5 euros na web ataquilla.com. A obra de Mayorga foi levada ao cine polo prestixioso director francés François Ozon, que gañou a “Concha de Oro” no Festival de Cine de San Sebastián, que tamén premiou o guión do propio autor.

–Chegan a Cangas con esta adaptación de “O mozo da última fila”, un texto premiado e levado ao cine. Como está sendo a súa acollida na versión en galego?

–Estamos gratamente sorprendidos coa acollida. É un texto que ten moita retranca e creo que por iso encaixa moi ben co público galego. O alucinante é que nunca fose montado antes por ningunha compañía daquí. De feito é a primeira vez que se leva a escena en Galicia un texto de Juan Mayorga, a pesar de que é un dos dramaturgos españois máis representados e traducidos.

Vostede interpreta a Claudio, ese mozo reservado que se senta na última fila, desde onde se ve todo e ninguén o ve a un. Como foi o proceso para poñerse na súa pel? Era vostede tamén dos que se sentaba na última fila na clase?

–Pois algunha vez si que sentei na última fila, pero non teño nada que ver con Claudio porque eu non son nada observador. É un personaxe moi complicado, mais tamén moi ben escrito por Mayorga. Creo que o que me resultou máis difícil foi representar alguén a quen lle dobro a idade e que non se pode infantilizar. Non é un personaxe nada infantil, senón que é un rapaz extremadamente maduro e intelixente. Un psicópata de 17 anos. E, por outro lado, ten a complicación de que o público ten que empatizar con este psicópata porque é o protagonista da peza. Non pode caer mal e coas cousas que fai resulta bastante difícil que o público estea da súa parte.

–As adaptacións anteriores ou incluso a premiada película de François Ozon [“Dans la maison” en francés e “En la casa” na súa dobraxe ao castelán], o condicionaron dalgunha maneira ou tentou abstraerse deses traballos previos?

–Eu xa vira hai anos en Santiago unha versión deste texto montado por unha compañía madrileña, pero como teño moi mala memoria a verdade é que nin recordaba ao actor que facía este personaxe nin como o interpretou. Coa película pasoume o mesmo, había tanto tempo que a vira que non a lembraba ben. Foi unha sorte porque efectivamente non quería contaminarme por traballos previos e tratar de analizar e crear o personaxe a través do texto.

Roberto Leal, que interpreta ao profesor Xermán, e Beatriz Constenla, que gañou un Premio María Casares coa súa interpretación. Redrum Teatro

–A obra fala dalgunha maneira desa fascinanción que sinte o ser humano de asomarse ás vidas alleas, un sentimento moi difícil de refrenar. Que move á súa personaxe a adentrarse no interior do fogar do seu compañeiro de clase?

–Pois o que lle move é ese morbo de poder entrar na casa doutras persoas e ver dende preto como viven. Esta fascinación por adentrarse nas vidas doutras é algo moi habitual: non hai máis que ver a televisión, hai moreas de programas que tratan sobre a vida da xente. Por non falar dos reality show! Por distintas circunstancias Claudio non tivo unha vida fácil e o que busca é entrar na casa dunha familia que el considera “normal”. Deixa a esa familia en evidencia polo absurdo das súas accións e dos seus desexos, deixándonos a todos tamén en evidencia e ata conseguindo que riamos de nós mesmos.

–Tamén se pode analizar a obra desde outros prismas: a literatura fronte á vida real, os límites da creación e da propia liberdade de expresión ou mesmo a importancia da ensinanza e a relación entre mestres e alumnos

–Pois si. Claudio non ten escrúpulos en facer calquera cousa que lle pase pola cabeza, con tal de seguir escribindo a historia desa familia. Precisa ademais que todo o que escribe sexa real, polo que manipula aos outros personaxes para que fagan o que el quere. Por outro lado, é moi interesante todo o que Xermán, o profesor, vai ensinando a Claudio, converténdose case nunha clase de literatura para o espectador. De feito este texto é nalgunhas comunidades autónomas un texto de lectura obrigatoria nos institutos e que entra no temario da selectividade.

Outro momento dunha representación de "O mozo da última fila" Redrum Teatro

–Como é a relación que se establece entre a súa personaxe é a do profesor Xermán [Roberto Leal] ao longo da obra? Desde fóra parece asemellarse á dunha araña tecendo a súa arañeira para atraer a súa presa

Grazas a Xermán Claudio consegue atopar a súa pasión: a literatura. Isto é importantísimo para os dous personaxes porque Claudio ten algo ao que aferrarse, unha razón para seguir vivindo, ou polo menos para seguir indo ao instituto. Para Xermán, que é un profesor xa canso do seu traballo e que xa non lle quedan forzas para seguir dando clase a alumnos desinteresados, a relación con Claudio dalle unha esperanza e un motivo tamén para seguir indo ao traballo cada día. A pesar da dominancia de Claudio establécese unha relación moi bonita e verdadeira. O que pasa é que Claudio ten outras motivacións ocultas e vai manipulando tamén a Xermán. Non quero facer spoilers, pero a cousa remata fatal.

–A obra preséntase como un drama, pero tamén ten elementos da comedia. Parece haber unha fronteira moi tenue entre ambos xéneros. Prevalece algunha das dúas visións ou é moi parella?

É moi complicado, polo menos para min, enmarcar este texto nun xénero. Non creo que sexa un drama, vexo quizais máis puntos de comedia, aínda que dende a retranca e a crítica social. Ten tamén grandes doses de misterio ou de thriller. O espectador pasa todo o tempo pensando que algo malo vai suceder e este creo que é o elemento que engancha na función.

Compartir el artículo

stats