Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra de Teatro de Cangas

A estupidez da economía

A economía móveo todo e ás veces pode ser moi perversa. Pode facer que vaiamos destruíndo e vendendo toda a riqueza natural do planeta ata que non nos quede nada; só cartos, e só para algúns. A 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas pechou a súa programación acollendo a estrea en Galicia da montaxe por parte do Centro Dramático Galego (CDG) e a Companhia de Teatro de Braga (CTG) da peza de Gabriel Feixoó de Araúxo A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, considerado como o texto fundacional do teatro galego, nunha celebración polo seu 350 aniversario.

O director do CDG, Fran Núñez, dirixe e actúa nesta posta en escena e cobra un papel fundamental nela en canto a que é el quen vai contextualizando a peza ao público, así como todas as cuestións que saíron ao longo da súa montaxe, para explicarnos que o texto non fala tanto sobre fronteiras senón sobre a obtención de recursos e os intereses que se atopan detrás disto.

Ese é un dos puntos fortes desta proposta, que conta cun elenco amplo procedente de diferentes países, case todos eles do eido lusófono: a reflexión sobre o revirada e mesmo estúpida que pode chegar a ser a economía e a busca constante de lucro. Toda a contextualización contribúe a afondar no que agocha o texto e tamén a reflexionar arredor de que valor pode ter montalo hoxe en día, alén do seu valor simbólico.

Na montaxe bótase man de cancións e coreografías; búscase actualizalo a través de elementos contemporáneos, de relacionalo con acontecementos moito máis recentes, de parodialo, disecalo, analizalo. Desenvólvese tamén un xogo de espellos no que fragmentos do texto se descontextualizan e contextualizan. Todo coa vontade de investigar novos xeitos de abordalo e incorporalo en relación cunha perspectiva actual.

Porén, a repetición dalgunhas partes do texto orixinal, coa vontade de reforzar o seu sentido, nalgúns momentos resultaba algo insistente e, en contraste, outras partes eran presentadas dun xeito demasiado rápido para poder captar todo o seu contido, quedando unicamente o sentido, o fondo.

Montar o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño era un reto complicado, pero o CDG e a CTB conseguiron ir máis aló da forma e do contido inmediatos e dialogar amplamente co clásico. Confesounos Fran que seguen aínda sen saber ben por que era importante montar este texto hoxe; pero o espectáculo fala por si só ao demostrar que a temática que alberga o texto, no fondo, segue a ter toda a vixencia.

Compartir el artículo

stats