Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro e o mundo da cultura berra de dor pola pérdida do actor e autor teatral

Pazos loitou pola construción do Auditorio Municipal e foi un dos grandes impulsores da Mostra de Teatro E”Traballou arreo cargando e descargando, montando escenarios”

Pazos na inauguración da Mostra de Teatro no ano 2019. Santos Álvarez

O mundo da escena, da cultura en xeral, e da docencia, chora a pérdida de Xosé Manuel Pazos, que ademais de político con pegada e mestre, foi autor teatral, traductor, actor e director e pasará a historia como un home querido por todos, impulsor como ninguén da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). “Traballou arreo, cargando e descargando, montando escenarios”, recordan na Mostra. Pazos tivo o soño dun auditorio na súa vila canguesa e loitou ata conseguilo.

Demostrou que a rivalidade na vida política non está reñida coa amizade e movíase en ambas as escenas como bo actor e director. Foi Premio Max ao mellor autor teatral en galego con “Emigrados”, da que foi coautor xunto a Cándido Pazó González, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado. Entre outras obras, é autor de “María Soliña” e “Desembarco dos turcos” nas que se inspiraron en Cangas para a súa Festa da Defensa da Vila lembrando a invasión turca de 1617. A súa versión da novela de Suso de Toro “Círculo” recibiu o Premio Max ao Mellor Texto Teatral en galego en 2003.

Traduciu a José Luis Alonso de Santos, Juan Mayorga, Luigi Pirandello, Ernesto Caballero de las Heras, Itziar Pascual e José Sanchis Sinisterra. Ten obras colectivas como “Estilo de exercicios, para exercicios de estilo”, con Henrique Harguindey. Ambos foron compañeiros de política e tamén de andanzas literarias. Harguindey recórdalle polo o seu compromiso coa cultura, por un mundo mellor. Sempre ligado a fundación de grupos, á dirección de espectáculos, á creación de textos, á interpretación. Era un bo amigo e faladeiro, destaca Harguindey.

A Pazos gustáballe o humor e dicir que non era un mestre, que era un actor subvencionado pola Consellería de Educación.

Cangas chora hoxe a pérdida dun home entregado a súa vila, á que se dedicou nestes algo máis de cinco anos como alcalde, en corpo e alma sen que a enfermidade le separase dos seus obxetivos. Tanto que a morte chamaba por él, pero non a fixo ocorrer ata que tivo os últimos contratos de Alcaldía asinados. Sempre demostraou forza e valentía.

A enerxía da palabra 

Henrique Harguindey, escritor e mestre de Cangas

"Non como rito, como envoltorio, senón como cerna, como motor de vida, como mensaxe de razón, de entendemento para o diálogo. Esa é a palabra que practicou Xosé Manuel Pazos. Por iso a palabra que lle acai é dinamizador.

Dende noviño impulsando a cultura e o compromiso por un mundo mellor. Con entrega e sen tregua. Con xiria.

Na Historia do Teatro Galego Xosé Manuel ten un peso específico moi relevante. O seu nome vai asociado á fundación de grupos, á dirección de espectáculos, á creación de textos, á interpretación, á tradución de obras e un cento de cousas máis. Labor ben recoñecido e galardoado. E na vida cultural e social canguesa deixa unha pegada imborrable.

O azar quixo que onte volvésemos mirar de volta as fotos daquela viaxe na que fixemos en Venecia, guiados por ti, un desembarco en góndola. E despois naquela Lubjana da Eslovenia que che lembraba o teu Lubián galego-zamorano, mergullámonos na profundidade recóndita das covas de Postojna.

Vaste agora para outro recóndito territorio. Pero ti, tan bo amigo e tan faladeiro, non has deixar de mandarnos mensaxes de esperanza."

“Vimos de perder a un dos impulsores da Mostra”

Mostra de Teatro Cómico e Festival de Cangas

"Non nos xorden as palabras, non temos voz, afónicas de dor, de impotencia, de ausencia... O teatro do Morrazo, de Cangas, o teatro galego, esta Mostra ten crebado o sorriso, triste aceno debuxado no rostro, como no lenzo de Munch lanzamos un berro seco, xordo, mudo, un berro que implosiona en cada un dos nosos corazóns. Vimos de perder a un dos principais impulsores desta Mostra, aquel que a imaxinou, aquel que a dirixiu, aquel que loitou sen descanso ate que o soño dun Auditorio Municipal para o Morrazo fora un feito. Deixounos Xosé Manuel, Pazos, Xosé Manuel Pazos Varela, un home alegre, activo, positivo, traballador incansable a prol da educación, da cultura, do teatro. Xeneroso impulsor das artes escénicas, da MITCFC, dende aqueles comezos nos que el e todo o equipo daqueles primeiros anos traballou arreo, programando, cargando e descargando, montando escenarios e ate arriscando a propia economía para que esta Mostra chegara a bo porto en cada edición. Anos ilusionantes e difíciles nos que o seu optimismo e a súa xiria conseguiron facer da vila de Cangas un referente universal das artes escénicas, da comedia, do bo humor, do bo facer. Hoxe vaise un home de teatro, un artista, un home de ben, un amigo, o Alcalde de Cangas, o Alcalde do Teatro. Sempre entre nós, Pazos, no corazón do escenario, entre bambolinas."

“Foi protagonista de iniciativas para introducir o teatro na escola”

Asociación Cultural Xiria

"Xosé Manuel Pazos foi, ante todo, un home da cultura. Poderiamos falar da súa faceta máis persoal como actor, traductor e escritor. Pero nun aspecto máis colectivo, A asociación cívico-cultural Xiria existe porque persoas como el pensaron que había que crear ámbitos nos que se acollese a enerxía cultural que abrollaba en Cangas. A Mostra de Teatro foi unha iniciativa que axudou a constituír e que apoiou incondicionalmente desde a súa responsabilidade como Concelleiro, primeiro, e como alcalde despois. 

A el, que sempre foi moi retranqueiro, gustáballe gabarse de que non era un mestre, que era un actor subvencionado pola Consellería de Educación. Conectado coas correntes da vangarda educativa foi protagonista de iniciativas para introducir o teatro na escola, coas que se comprometeu persoalmente.

Desde a amizade, unha lágrima polo amigo que sempre será presente para Xiria e a Mostra de Teatro de Cangas."

Bosquexo de despedida

Camilo Camaño, artista de Cangas

"Reflexionando neste día de poalla, de fonda brétema, e sen moita posibilidade de andar polo eido, púxenme debuxar e, viume á cabeza Xosé Manuel Pazos, co que tiven o último rencontro que se converteu no derradeiro, o pasado venres. desa reflexión xurdiu un bosquexo que vai supor unha especie de despedida, co desexo de que esa viaxe ao país de ningures e sen retorno, sexa leve e se atope cun merecido descanso.

O río do bou bou, a fraga de Coiro, a cartagenera e, seguramente o municipio han ser xenerosos na súa despedida. Tamén as xeracións que atenderon a súa docencia, e toda a familia da cultura e singularmente das artes -escénicas e plásticas- quedarán orfas con esta irremediable ausencia forzosa.

Xa van corenta anos desta amigable e xenerosa colaboración para un catálogo dunha exposición, un de tantos comentarios de obra que me fixera ao longo da nosa amizade.

PARA BICARLLE OS CALLOS-MEU CAMILO

 No ceo as estrelas son soio estrelas / e as campás espíronse no ár / para bicarlle os callos-meu Camilo /… e tí a loitar contra o mar… / as gaivotas son nubens de antroido / a ceibar aturuxos no teu lenzo / nun derradeiro esforzó de ir a Coiro /…namentras loitas contra o mar…/ e no banco dos soños o teu barro / ergue o canto ate o sol a esparecerse. / sae a lúa nos ermos…/ e ti soio…/ a cincelar a noite contra o mar…

 Xosé Manuel Pazos Varela, 1980

...por todo o seu traballo e pegada que nos deixa, Xosé Manuel seguirá entre nós".

Compartir el artículo

stats