Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O legado do idioma

O Xulgado de Paz colabora co Concello de Moaña no programa Apego

Representantes do Concello e do Xulgado de Paz.

O programa Apego, ao que Moaña leva adherido dende o 2016, busca sumar a familias da vila con nenos recén nacidos ao compromiso de educalos en galego facilitándolle para elo distintas ferramentas e actividades. Reactívase agora coa implicación dos traballadores do Xulgado de Paz, tanto administrativos como o propio xuíz de paz, Jacinto García. Con esta colaboración, todos os novos pais e nais da vila serán informados da existencia deste programa cando acudan a rexistrar ao seu bebé.

Sempre con cita previa por mor da pandemia, as familias poden solicitar a visita ao servizo de normalización lingüística. Ademais de explicarlles a riqueza de educar ao seu fillo en galego, na primeira visita levarán unha caixa con distintos obxectos como xogos no idioma propio ou un álbum para os primeiros recordos do novo veciño da vila. Ademais, cando os nenos teñen seis meses faise entrega ás familias dun CD con cancións de berce no idioma propio. A rede de familias adscritas é informada puntualmente de actividades de lecer infantil como os eventos do Rechouchíos, ademais de poder organizar novas actividades como a de música para bebés que xa se fixo anteriormente.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina, explica que coa reactivación do programa Apego buscan chegar tamén a todas aquelas familias que tiveron un fillo dende o comezo do confinamento e que poderían pasar polo Concello a inscribirse, sempre con cita previa.

Moaña é o único Concello do Morrazo que participa no Apego, pois ningún outro conta con departamento de Normalización. Santamarina destaca a importancia de traballar a prol da transmisión do idioma propio ás novas xeracións e alerta dos preocupantes resultados da enquisa feita a escolares da vila, que reflicte como a inmensa maioría dos nenos moañeses falan habitualmente en castelán e apenas empregan o idioma propio.

Compartir el artículo

stats