Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos de asistencia sanitaria (VII)

Nesta entrega o autor analiza a situación da sanidade durante a etapa da II República

Homenaxe ao médico José Soage de Moaña. Agosto de 1934.

Homenaxe ao médico José Soage de Moaña. Agosto de 1934.

A sanidade deste periodo a penas tivo tempo de proxectarse e foi continuista en canto á loita antivariólica e da tuberculose. Houbo unha maior atención á sanidade benéfica polas crises pesqueiras e o paro. Crearíanse os médicos de Asistencia Pública Domiciliaria ou APD. Porén, a precariedade presupostaria dos concellos inducía á redución dos médicos, creándose o sistema de oposición para as prazas sanitarias. O Instituto Local de Hixiene dotaríase con Raios X e melloraríase con especialistas para converterse en Centro Sanitario Primario.

Ata o mes de abril do 1931 viría exercendo como médico municipal, o tocólogo José Piñeiro Graña quen, unha vez cesado pola nova Corporación, sería sustituído por José González Graña que ocuparía este cargo durante todo o periodo da República. Ademáis da atención médica, os facultativos municipais tiñan outros cometidos a dirección das campañas antivariólicas, o control dos precintos das gasosas co nome do fabricante, o uso da sacarina, sustancia prohibida por Sanidade, os informes medicos sobre os mozos de reemprazo (tallaxe) ou os dictames sobre o peche de escolas afectadas por epidemias. Tamén se encargaban das inspeccións e decomisos dos barcos pesqueiros cando era demandados polos conserveiros, ante a sospeita de viren mesturadas as sardiñas con petróleo, gasolina ou aceite, como así acontecía ás veces.

Nestas datas, os dous médicos titulares, inspectores municipais, tiñan que atender a uns 410 enfermos, custeándolle a Xunta de Beneficencia (Concello) os gastos de atención médica de medicinas (farmacia) e incluso de inhumación. Como a precariedade económica do Concello non podía afrontar uns gastos que se incrementaban ano tras ano, decidiu soster estes servizos con todo o recadado ou cunha parte (50%) dos postos das Festas do Cristo, dunha tómbola, das entradas do fútbol (5%), das festas parroquiais, das comparsas ou dos bailes, que aportaban unha porcentaxe para a Beneficencia Municipal, completado con tres mil pts. que suministraba o Instituto de Hixiene Provincial. No ano 1932, o goberno municipal habería recorrer esta designación de dous médicos de 3ª e 2ª categoría para Cangas por ser moi onerosa para as arcas municipais, aducindo que chegaba con un para realizar os cometidos asignados a este posto. Por este motivo o Concello, defendido por Hipólito Hermida, mantería un contencioso coa Dirección de Sanidade ata o ano 1936, solicitando ademáis a derogación da Ley de Reglamentos de Coordinación Sanitaria pois prevía un incremento de custes nesta materia. Outros médicos que exercían en Aldán, Hío e Cangas eran Manuel Núñez, Manuel Martínez Piñó, Agustín J. Echeverri, Ramón Espiño e Amancio Camaño (tamén cirurxán no Hospital de Pontevedra) que sobrevivían levando as igualas dos pósitos e das mútuas.

Desde mediados de 1930 viña actuando como practicante interino Ángel Antonio Martínez Iglesias (dos Chilolas), saindo a concurso esta praza e a de matrona a finais deste ano, ainda que habería que agardar ata xullo do 1932 para que se celebrasen as oposicións a este posto de Practicante de Cirurxía que estaba dotado con 750 pts ao ano. Finalmente sería obtida polo antedito Ángel A. Martínez quen competía pola mesma con Amador Iglesias Gallego. Considerada máis como unha "concesión", o outorgamento desta praza sería criticado polo concelleiro socialista Corbacho ao estimar que a Corporación non era quen e non estaba capacitada para elixir este cargo tan especializado. Como a praza de matrona ficara sen cubrir, o Concello decidiría darlle tamén ao practicante a metade do soldo pertencente á aquela polo que esta circunstancia tamén habería de provocar fortes protestas ao considerarse esta situación non só irregular senón tamén ilegal. Neste mester, Ángel estaría auxiliado pola sua irmá Teresa Martínez que desde os anos vinte xa viña actuando como parteira e comadroa a nivel particular, axudando a nacer a moitos nenos de Cangas e das parroquias.

Nestas datas, ao menos desde 1932, funcionaba en Cangas un Igualatorio Médico, chamado "La Paz" cuxo subdirector era José Carrera Barciela que en agosto do 1934 abriría tamén a primeira funeraria que levaba o mesmo nome. Os anos 1932 e 1933 a tuberculose adqueriu rango de epidemia (peste branca) afectándolle sobre todo á xente moza. Un aspecto no que se centraría o control sanitario sería o da potabilidade das augas das fontes públicas de Cangas tendo que se precintar a Fonte Garrida no verán do 1932 pero a auga nas restantes iría mostrando tamén falta de calidade para o consumo sendo que no verán do 1934, Sanidade procedería a pechalas todas, aparecendo a construción dun depósito e unha traída como a saída máis viable ao problema.

Entre os anos 1931 e 1934, foron diversas as Ordes Ministeriais que regulamentarían o escalafón do Corpo de Médicos Titulares e Inspectores Municipais de Sanidade, asignando os postos de traballo mediante oposicións e acrecentando a centralización administrativa. Xa que logo, ainda que se ben as oposicións e concursos de prazas continuarían a ser convocados e resoltos polos Concellos, tales provisións comezarían a ser intervidas xa polas Inspeccións Provinciais de Sanidade, órganos periféricos da Administración Central do Estado. Por un Decreto de 29 de setembro de 1934 (emanante da Lei de Coordinación de Servicios Sanitarios do 11 de xullo), o Corpo de Médicos Titulares pasa a converterse no Corpo de Médicos de Asistencia Pública Domiciliaria (APD) que tamén centralizaría todas as formas de provisión de prazas no Ministerio de Traballo, Sanidade e Previsión.

A tuberculose, sempre cualificada nestas datas como grave problema sanitario e mal endémico, sería obxecto de atención preferente e a tal fin terían lugar en Cangas diversas conferencias. Unha delas, celebrada a finais de xaneiro do 1933 correría a cargo do médico Carlos García Cabezas, director do Dispensario Antituberculoso de Pontevedra. Como era habitual nestes casos, na presidencia figurarían as autoridades locais (alcalde e concelleiros), os representantes sanitarios (médico, practicante e farmacéutico) e do ensino (Isabel Fraga). A colaboración do Concello, con aportacións monetarias de 3.000 pts./ano á Beneficencia local, tamén se estendería ao mantemento do Padroado da Loita Antituberculosa de Pontevedra onde se acollían numerosos enfermos pobres de Cangas que ano tras ano incrementaban as listas abertas na localidade. As solicitudes de inclusión nas listas de pobres iríanse incrementando co paso dos anos en proporción aos efectos das crises pesqueiras e do paro. Para o sostemento da Beneficencia local seguíase recorrendo ao gravame de calquera manifestación que ocupase as rúas e de toda clase de actos públicos (festas, bailes, comparsas...) para destinar o recadado aos pobres. Unha tómbola nas festas dos Cristo, bailes e mesmo unha función de cine con venda de gasosas (obterían 350 pts.) servirían tamén por veces como medio de recadación de cartos para a Beneficencia. Nunha das comisións encargadas destes eventos destacarían as veciñas Moncha Eiroa, Marina Ocaña, Alicia Mariño e Berta Pérez Barros. En apoio da Xunta Municipal de Beneficencia tamén contribuiría o Instituto Provincial de Hixiene, aportando 3.000 pts. e proxectando (quedarían nisto) establecer tamén en Cangas unha cociña económica e máis tarde unha Casa de Maternidade, mediante solicitude na Caja Regional Gallega de Previsión.

Fracasado o intento de recuperar o vello hospital, o Instituto Provincial de Hixiene, a petición da corporación, xa se plantexaba en maio do 1933, instalar un Centro Sanitario Primario en Cangas debido á grande cantidade de enfermos pobres e a extensión da tuberculose ou peste branca. Mentres non se arranxaba este tema, o Concello ofreceu as pequenas dependencias da rua Méndez Núñez (logo Casa do Mar neste solar e máis o da escola) que contaban con auga e luz para ubicar este Centro Primario que funcionaría como novo dispensario sanitario primario e antituberculoso. Porén, esta ubicación da atención antituberculosa a carón da escola nº 3 de nenas, (rexentada no 1936 por Anita Díaz e usada como centro de reclusión franquista) foi considerada como moi pouco axeitada polos riscos de infección. Contodo, o establecemento deste dispensario ainda estaba en suspenso en agosto do 1935, sendo remitidos os enfermos graves ao chamado Gran Hospital de Pontevedra e tamén á Casa de Socorro de Vigo que atendería a moitos mariñeiros cangueses enrolados nas frotas de Vigo e Bouzas. Os numerosos casos de hernias, que se producían por accidentes dos mariñeiros nos barcos, estaban sometidos a unha profunda e a veces moi rigorosa investigación médica e das mutualidades que remataba cun voluminoso informe antes de que os afectados puidesen beneficiarse dos seguros. Por iso e pola escasa indemnización proviñente da poliza denominada naviera, os mariñeiros preferían que se lles aboase cunha máis aproveitable patela de peixe. A implantación polo Goberno dunha nova póliza de Mutualidade de Accidentes, se ben era unha vella arela dos mariñeiros, habería producir durante un ano e desde abril do 1933, un longo conflito nos portos ao non se especificaren ben as porcentaxes contributivas e quen debería abonalas, xurdindo o enfrentamento entre armadores e mariñeiros.

Pola singularidade do evento, temos que destacar a homenaxe que Moaña lle vai adicar ao médico José Benito Soage Hermida, co seu nomeamento como fillo predilecto do concello após o seu falecemento o 9 de xullo de 1933 cando contaba con 34 anos de idade. Durante o mes de outubro deste ano, vaise abrir en Moaña unha suscrición popular para custear unha placa homenaxe co seu busto en releve que se colocaría nunha nova rua co seu nome. Este doutor, fillo do tamén médico José Soage Camiña, non só destacara pola sua contribución co seu pai no andazo de gripe do 1918 senón tamén pola sua profesionalidade e bonhomía recoñecida polos seus pacentes e veciños, incluso os da diáspora arxentina que no ano seguinte se sumarían a este recoñecemento custeando outra placa conmemorativa.

Desde o Instituto Provincial de Hixiene iniciaríanse campañas de prevención e indicaríase a conveniencia de atender e inculcarlle preceptos hixiénicos aos nenos, apuntando como dato relevante que a finais de xaneiro do 1934, a Xunta Municipal de Sanidade tería que proceder á clausura das escolas de Cangas e mais a de Cimadevila por unha epidemia de sarampelo. A expansión da tuberculose e os numerosos casos de epidemias que se producían, mesmo levarían a que o Concello se propuxese dotar aos afectados de escupideiras de peto para evitar o contaxio.

Ainda que a realidade económica non permitía grandes avances, en novembro do 1934 o Instituto Local de Hixiene tamén funcionaría como Centro de Saúde para o que a Dirección Xeral de Sanidade destinaría 10.000 pesetas que se investirían nun moderno aparello de Raios X. Contodo, seguiríase demandando unha maior cobertura sanitaria, incapaz de cubrirse polo Concello co que unha nova solicitude municipal demandaría en novembro do 1935 que este local acollese unha dependencia do Instituto Provincial de Higiene. De tal xeito pasaría a funcionar como Centro Sanitario e de Higiene Municipal cedendo o Concello, a tal fin, en xaneiro do ano seguinte e de xeito oficial, o edificio designado.

Como a institución municipal seguise alegando carecer de fondos para para afrontar as obras pertinentes, solicitaríanlle á Deputación unha axuda de 3.000 pts. que entregaría con prontitude. Precisamente por esta mesma razón, o Concello de Cangas vese obrigado a retirar o concurso-oposición destinado á provisión dun médico tocólogo. Por fin, cara mediados de maio do 1936 e baixo a Xestora da Frente Popular, abriríase un Dispensario Antituberculoso, ao tempo que seguían as obras do chamado Centro Primario Sanitario. Ante a próxima inauguración deste centro, a finais do mesmo mes, visitaría as obras o inspector de sanidade Pedro Fernández Andueza, ofrecendo logo, nos locais da Alianza Marinera unha charla sobre temas sanitarios.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats