Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrés Goteira: "'Dhogs' tenta sinalar ao público, que se meta na película e reflexione"

O Cineclub Bueu retoma as proxeccións co premiado debut do director galego

Andrés Goteira, durante a rodaxe de "Dhogs". // Facebook Andrés Goteira

O Cineclub Bueu retoma hoxe a súa programación despois do parón do verán e a recente celebración do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC). As proxeccións volven ao Centro Social do Mar (21.00 h) da man do programa "Cinemas de Galicia", coa colaboración de Agadic e do Concello de Bueu. A primeira película despois das vacacións vai ser "Dhogs", a opera prima do director galego Andrés Goteira. Un thriller con ambientes irreais e violentos e historias cruzadas sobre a condición humana. A cinta vén de colleitar premios en numerosos festivais e na última edición dos Premios Mestre Mateo acadou trece galardóns, o que a convirte na máis premiada neste certame. Hoxe en Bueu estarán algúns dos seus protagonistas para asistir a proxección e logo manter un coloquio co público. Estarán Antonio Durán "Morris", María Costas e o propio Andrés Goteira.

-Como acolle a invitación para estar hoxe en Bueu para asistir a proxección e logo poder compartir impresións co público?

-Xenial! En Bueu están acostumados ao cine e sei que no Cineclube hai boa afección. Nunca estiven en Bueu, así que estou desexendo ir e creo que "Dhogs" lle pode provocar cousiñas aos espectadores.

-A súa primeira película non está deixando indiferente a ninguén e dá pé a moitas interpretacións. Que lles vai contar ou recomendar aos espectadores?

-Levamos percorrido moitos festivais, casas da cultura, concellos? e en todos os coloquios hai moitas preguntas, preguntas intensas sobre a película. Sobre a súa trama, as personaxes, o argumento, o entendemento... Eu estou encantado de que provoque cousas boas e menos boas. A película tenta sinalar ao espectador, a nós mesmos, e metelo dentro da película para facelo partícipe. Trátase de deixar decidir ao espectador, que sexa reflexivo sobre o que acontece e dependendo dos puntos de vista que se suceden: desde un neno, un home de negocios ou unha nai. Que o espectador se poña no lugar que desexe, que reflexione e sexa todo o crítico que queira.

- "Dhogs" é a súa primeira película, na que se embarcou sen ter estudos de cinema, e ten detrás un intenso traballo de catro anos. Como foi ese proceso para poder chegar ata aquí?

-Metínme nisto por esa ilusión de neno pequeno, de preguntarnos por que non imos poder facer nós unha película como as que vemos no cine ou na televisión. Todo este proceso foi coma un máster para nós: fomos pasiño a pasiño, aprendendo moito a base de ensaio e erro. Eu creo que a ilusión de facer e escribir unha película levou o tempo xusto. Pero isto é unha odisea e cando empezamos eramos moi inocentes. Necesitas un gran equipo, moito reparto e financiación, que é o que máis tempo che leva.

-En todo caso o debut non puido ser mellor, con premios en festivais e como a película máis premiada na historia dos Premios Mestre Mateo. Sorprendido por esa repercusión?

-Si. Escribín a película en Edimburgo (Escpocia) coa intención de logo facela en Meira (Lugo). O proxecto foi crecendo pouco a pouco, íamos marcándonos retos que fomos cumprindo. Para nós a máxima inicial era tentar subir a película a Youtube ou algunha plataforma. Pero fomos conseguindo actores de renome e fomos cumprindo retos. Estamos moi contentos e sorprendidos polos premios e as boas críticas de profesionais e prensa especializada.

-Como foi o proceso de enfrontarse a escribir ese guión?

-Escapeime a Edimburgo durante seis meses. Tiña tempo, estaba tranquilo, relaxado e tiña ganas de probar na escritura. Foron a historia e as personaxes quenes me levaron a min. Sorprendeume a min mesmo: eran as propias personaxes quenes ían contando a oistoria. Foi moi satisfactorio porque nunca escribira nada e teño ganas de voltar a facelo, aínda que non me considero guionista

-A historia finalmente foi rodada entre Meira e Almería e desde a crítica a chegan a comparar como unha historia a medio camiño entre os irmáns Coen ou David Lynch.

-Son mestres, que están moi lonxe de onde estou eu. Son uns xenios nos que certamente tento reflectirme, ao igual que noutros como Tarantino. Estaban aí desde que empecei a ver cine, así que é normal que haai algúns reflexos deles. Ao mellor ao non estudiar cine podes sentir que bebes demasiado deles, pero creo que nunha primeira película non debes ter medo a iso. Hai que deixarse levar e ser libre. Tentei levar a historia ao meu terreo e ser coherente conmigo mesmo.

-Como foi debutar nunha película na que tiña como intérpretes a xente como Morris, Carlos Blanco ou Miguel de Lira?

-O dos intérpretes foi outro dos retos que conseguimos. Para nós foi un auténtico pracer que se metesen nesta película. Eu ao principio tiñalles medo e pánico porque nunca dirixira a actores. Pero foi empezar a traballar con eles e a falar de como podía ser a película e a miña perspectiva cambiou. Puxéronmo moi fácil e xa estou desexando volver a traballar con actores e actrices en outra das miñas loucas películas [risos].

Compartir el artículo

stats