Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Representación de "PlayOff" no auditorio. // Gonzalo N.

Empate

"PlayOff" é unha obra moi ben escrita, moi ben dirixida e moi ben interpretada

O vestiario dun equipo de fútbol feminino como coartada para facer un repaso polo bestiario das desigualdades de xénero. Hai suficiente materia para crear un drama, pero o texto de Marta Buchaca consegue armar unha comedia de costumes lixeira e entretida a partir dun asunto grave. Sete mulleres enfróntanse ao machismo cotián no campo de xogo das discriminacións e o resultado é un fresco social que dá moitas pistas sobre unha xeración que compite no terreo das redes sociais, da precariedade laboral e dunhas loitas sociais no que o individual prima sobre o político.

A trama que se vai construíndo ao longo da función repasa os tópicos habituais no argumentario da igualdade: os salarios, a maternidade, o lesbianismo, os coidados aos maiores, o difícil equilibrio nas relacións amorosas e na convivencia... PlayOff logra entrar con naturalidade en cada un destes temas sen forzar un argumento que se alicerza no coral para transitar por todos eles. E ao mesmo tempo, coida o ton de frescura preciso para non superar nunca os límites da traxedia, para que o conflito permaneza no ámbito do discursivo.

Esa cordialidade, non obstante, deixa a ambigua sensación de que o discurso feminista logrou penetrar no pensamento dominante a condición de permanecer no perímetro do doméstico, dunha comedia sentimental que non traspase a fronteira do político.

Hai un voluntarismo que parece suxerir que a fin das desigualdades depende en gran medida de actitudes persoais e non dunha acción social decidida.

Sobran unhas consignas gratuítas e pretendidamente reivindicativas que non achegan nada a unha trama que, en si mesma, podería funcionar perfectamente como denuncia dunha circunstancia intolerable. O conflito dramático reflicte de xeito eficaz esa orde inxusta que relega ás mulleres a unha situación de sometemento e demostra que a violencia é unha cuestión de todos.

Porque PlayOff é unha obra moi ben escrita, moi ben dirixida e moi ben interpretada. A acción está moi ben fiada a través de diálogos que crean unha arquitectura vigorosa, a dirección conta cunha ampla panoplia de recursos imaxinativos e as actrices desenvolven os seus papeis cunha convicción e firmeza salientables. Só un exceso de didactismo deixa o partido en empate.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.