Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reverso do tímpano en 3D, creado por Antonio Costa.

Inscrición fundacional da igrexa de San Martiño e réplica do tímpano

O investigador repasa os dous grandes feitos de ámbito histórico que viviron os moañeses este ano

Con respecto ao ano que está a rematar, compre subliñar dous feitos de gran interese, histórico e artístico, para Moaña como foron, a transcrición e tradución do latín ao galego da inscrición fundacional da igrexa de San Martiño e a firma do contrato coa Deputación de Pontevedra para construír, na Escola de Canteiros de Poio, unha réplica do tímpano medieval, procedente de Moaña, e depositado no museo de Pontevedra

O prestixioso profesor, investigador e crítico do medievo, D. Xosé Filgueira Valverde, co- fundador do museo pontevedrés e membro da Real Academia Galega, cando descorría o ano 1944 publicou un traballo, depositado actualmente en dito museo, baixo o título, Tímpanos Medievales, no que fai o estudo dalgúns deles, entre os que se atopa o procedente do templo moañés, que está depositado no seu Edificio Sarmiento, onde xa lle tomaron medidas para esculpir a réplica.

Sobre a súa situación orixinaria, Filgueira Valverde subliñou o seguinte:

El del Museo de Pontevedra, de arco apuntado no pudo pertenecer a este hastial (portada da igrexa), ni al muro N., donde perdura puerta con dintel pentagonal y decoración afín a la de su reverso; quizá fuese retirado, y con razón, por su tosquedad, de la puerta S., decorada ahora sencillamente con mochetas, imposta y, sobre ella, una cruz de Malta, en un disco, rehecho todo con inclusión de inscripciones anteriores, una sepulcral de finales del XIII.

O ilustre profesor, deduce que o tímpano puido proceder da porta meridional do templo na que inclúe o que el define como unha inscripción sepulcral. Non obstante, como resultado de investigacións posteriores, efectuadas no segundo libro de fábrica da igrexa, depositado no Museo Diocesano de Santiago, estase en condicións de afirmar que o tímpano formou parte da estrutura da porta románica exterior da antiga sancristía, botada abaixo na segunda metade do século XVIII para alongar a igrexa e, re- aproveitado logo nun recuncho do muro de sustentación da nova cabeceira barroca dela de onde se desmontou, no ano 1929, para transportalo a Pontevedra.

Esta afirmación, confirmouse no propio museo pontevedrés, onde, despois de sometelo a un estudo rigoroso, chegouse á conclusión de que foi construído no século XIII por canteiros portugueses que traballaron na catedral de Tui; o que demostra que a documentada sancristía románica foi engadida ao templo un pouco máis tarde da súa consagración, no ano 1197.

Con respecto á epigrafía que, o ilustre medievalista, sinala como inscripción sepulcral de finales del siglo XIII, en xaneiro do presente ano, coa axuda dun arqueólogo e un catedrático de latín, púidose transcribir esta na súa totalidade, comprobando que concorda coa versión publicada polo historiador da arte, Ángel del Castillo, quen, foi citado polo membro da A.C. Nós de Moaña, Xosé C. Villaverde Román, nun traballo titulado "As xurisdicións nas freguesias moañesas durante a idade media", publicado no mes de maio de 2001, deste xeito:

Coincidindo coa terminación da basílica compostelán, a mediados do século XII, vaise a producir unha expansión de templos románicos por toda Galicia, entre eles o de Moaña, datado en 1197 por Ángel del Castillo ...

Despois de transcribila e traducila ao galego, na súa integridade, comprobouse que, ademais do antedito ano, na inscrición citase que a igrexa foi consagrada nun domingo e que o nobre Fernando Arias, que a mandase construír, dedicouna para si mesmo e para todas as familias que, a partir do citado ano, pasaron a pertencer á freguesía de San Martiño de Moaña.

Deste xeito, as investigacións nos libros parroquiais, situaron a orixe certa do tímpano e, as novas tecnoloxías empregadas polo arqueólogo Ángel Martínez, xunto co amplo coñecemento das abreviaturas latinas do catedrático de latín xubilado, José Bto. Rguez. Parada, moañeses ambos os dous, lograron que, por fin, se coñeza a inscrición fundacional de Moaña.

No patio da Reitoral, continúa mostrándose en horario de tarde dos días laborables, a exposición inaugurada durante as festas de San Martiño, sobre as orixes e desenvolvemento de Moaña onde se tratan con extensión os dous feitos sinalados.

*Investigador local da historia de Moaña.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.