Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa
Echeverri, médico e alcalde de Cangas
O doutor era natural de Santiago e foi fusilado o 24 de setembro de 1936 tras un consello de guerra

Agustín Echeverri cos mestres Modesto Novelle, Vicente Sáez e Felipe Carnicer, da Escola Elemental de Pesca na illa de San Simón (1933).
Fernando Cuñarro / José Pereiro francés (*)
Agustín Jorge Echeverri nace en Compostela (1902). O seu pai era administrador do sanatorio de Conxo, estuda no colexio de San Buenaventura e licenciase en medicina na Universidade de Santiago. No ano 1927, con 25 anos, establecese como médico en Cangas, contratado polo Pósito de Mariñeiros. Como persoa comprometida coa mellora das condicións de vida dos seus veciños participa e colabora coas institucións culturais, políticas e asociativas que van xurdindo na vila. No período republicano no que estabamos, foi electo en Cangas co cargo de presidente do Círculo Republicano Radical fundado en 1931. E ao pouco foi nomeado representante da agrupación en Pontevedra.
En 1935 participa na fundación de Esquerda Republicana en Cangas e ao ano seguinte coa chegada da II República e o trunfo do Fronte Popular, foi nomeado presidente da Xestora do Concello de Cangas.

Echeverri, médico e alcalde de Cangas
Aos cinco días do levantamento franquista foi detido pola Garda Civil, acusado de rebelión militar, encarcérano no cárcere improvisado polos golpistas en Cangas e posteriormente trasládano á prisión de Pontevedra.
Axiña incóanlle expediente e aproveitan o consello de guerra para xulgalo o 19 de setembro xunto ao Secretario do Concello Francisco Búa Carou, o sindicalista Lorenzo Corbacho Rodal, o mestre de Coiro Víctor Sánchez Mártil e o sindicalista da Alianza Mariñeira José Rodal Lanzós.

Echeverri, médico e alcalde de Cangas
Naquel xuízo sumarísimo, Agustín Echeverri foi condenado a morte sendo executado na cidade do Lérez o 24 de setembro de 1936. Un médico de 33 anos que perdía a vida polo único delito de ser o alcalde nun Estado que elixira ser unha República.
O tamén médico e poeta lugués Luís Pimentel deixou escrito nun longo poema agochado baixo chave no seu despacho: "Tumbas son hoxe as cunetas./ Hai mans en garra entre a herba triste./ Os mortos/ levan un escapulario de pedra/ co número do quilómetro./ Estades mortos, sepultados/ en tumbas paralelas e infinitas".

Echeverri, médico e alcalde de Cangas
Don Agustín tiña un irmán dous anos máis novo, Ángel (1904-1984), que vai estudar tamén a carreira de médico. Dunha xeración innovadora que non puido materializar os seus propósitos polos sucesos de 1936. Premio Extraordinario de Licenciatura, co número un, exerceu a medicina na súa clínica privada, no Hospital Provincial e na sociedade benéfica Unión de Artesáns de Santiago. En 1931, obtivo na Universidade de Madrid, o Grao de Doutor en Medicina e Cirurxía. Durante a Guerra Civil, Ángel non tivo problemas importantes coas autoridades do golpe militar, a pesar de ser home de talante liberal que colaborara e publicara na revista cubana Cultura Gallega, dous artigos sobre Cadarso e Nóvoa Santos, médicos e deputados republicanos galegos polos que non tiñan simpatías os militares franquistas. Ángel chegou a ser o reitor da Universidade de Santiago e tivo que imporlle o título de Doutor Honoris Causa nada menos que o ditador Francisco Franco, quen fora o causante do asasinato do seu propio irmán Agustín. Así de dura foi a vida naquela longa noite de pedra.
Grazas ao traballo dos investigadores do proxecto interuniversitario publicado no portal Nomes e Voces, nos últimos anos foron saíndo á luz máis de 150 nomes de historias de represión, exilio e depuración nos anos da posguerra que padeceron o colectivo dos médicos galegos no Golpe Militar. Daquela foron máis de 14.000 os galegos represaliados e 5.000 os mortos documentados.

Echeverri, médico e alcalde de Cangas

Echeverri, médico e alcalde de Cangas
- El «Jura II» llegó ayer a la ría de Aldán
- Cuatro heridos en un aparatoso accidente con tres coches implicados en Cangas
- Investigan la aparición de un Porsche tras caer por un terraplén en el monte de Moaña
- El arrastrero «Eirado do Costal» atrae a Rueda a Cangas
- «El amor y la misericordia son la esperanza para un mundo en paz»
- Su fina arena, sus cristalinas aguas y su ¿terapéutico barro?: los turistas más 'pringados' en esta playa de O Morrazo
- Amancio Ortega y el «Valoria B» llegan a la ría de Aldán
- Atascado por una caravana en Nerga el bus de las 16.00 horas