Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Andreíta, pioneira do cine e do baile en Cangas

O seu nome era Andrea Fresquet Herrera e chegou a finais do século XIX procedente de Cuba

Un baile en La Palma o 15/12/1956.

Andrea chegou de nena a Cangas procedente de Cuba nos derradeiros anos do século XIX. O motivo do traslado foi unha enfermidade descoñecida que fixo que os médicos que a atendían recomendáronlle á súa nai Petronila Herrera que a trouxera a España, onde había mellores tratamentos naquela época.

A moza Andrea Fresquet Herrera era unha muller morena, ben parecida con moita clase e bastantes cartos familiares, con moi boa cabeza para os negocios. Viviu nunha casa das coñecidas coma de tipo indiana das que imitaban ás mansións que se construían nas Américas. Ao seu carón unhas árbores grandes e exóticas, pouco vistas naquela altura, araucaria e palmeiras, que lle daban un aire moi orixinal. Aquela vasta extensión de terreo pasou a ser coñecida como "os xardíns de Andrea". As xentes de Cangas puxéronlle o alcume de A Cubana.

A casa estaba rodeada duns terreos moi grandes que ían ata o que é hoxe a Avenida de Marín, o Centro de Saúde e o aparcamento ao final de Reboredo. Naqueles anos, mediados os 40, había viñas e postes de pedra para estender e secar as redes dos barcos. Un gran portalón de madeira pechaba a finca desde o río. Alí había que chamar, ao chegar do mar, para poder tender os aparellos. Decías de que barco viñas e abrían. Dende as seis da mañá xa estaba operativo. Despois o patrón xa pasaba a pagar o alugueiro.

Acostumada a manexarse no mundo dos negocios abre unha sala de festas, coñecida popularmente como o "baile da Palma", así coñecido pola característica palmeira que aínda hoxe está na praza que acolle a estatua de Maria Soliño. Asemade no ano 1954, co apoio do médico Alfonso Villar (Almiña) inaugura o cine Avenida, coñecido como o cine Andreíta.

Casou con Manuel Ojea Torres, un empresario vigués que tiña casa solariega en Rodeira e a fábrica de destilación de licores La Moderna no barrio de Coia. En 1905 foi o promotor do peirao e do recheo para levar adiante as súas actividades comerciais, espazo aterrado coñecido aínda hoxe como Naves de Ojea realizandose, as obras coa oposición do Concello e dos mariñeiros.

Dona Andrea, agora xa como viúva de Ojea, refai a súa vida co moañés Antonio Soage Jalda.

Ata a década dos anos 70 os mozos e mozas da contorna tiveron ao baile da Palma como lugar de referencia para o seu ocio. Durante xeracións as mellores orquestras do momento -Juventus, Iberia, Los Dinámicos, Nuevos Ritmos, Los Magos de España... e moitos grupos locais formados por novos músicos, como Acuarela, Los Seis de Galicia, Los Temas, Los Mismos- fixeron en La Palma moitísimas actuacións.

Polos veráns os encontros musicais celebrábanse ao aire libre, tanto polas mañás en sesión vermú como no serán nos famosos asaltos-baile que remataban as dez da noite. E os mozos con máis marcha abandonaban o Baile da Palma e adoitaban seguir a festa en Bueu onde a sala de festas O Paraíso se mantíña aberta até a medianoite.

Nos anos 60, o baile de Andreíta formaba parte do triángulo de salas principais do Morrazo xunto co Lestón en Moaña e o Pirigallo en Bueu. Locais que programaron figuras tan importantes na música como Juan e Junior, Manolo Escobar, Karina, Julio Iglesias...

Andrea Fresquet faleceu en 1959 sendo soterrada no sartego propiedade da súa nai Patronila Herrera no cemiterio de Cangas. Ao seu carón sería soterrado tamén en 1991 o seu segundo marido Antonio Soage.

Agradecidos a esta cubana que cruzou o mar e creou en Cangas, arredor do cine e do baile, un mundo cheo de soños e ilusións.

*Directivos de A Cepa

Compartir el artículo

stats