Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

César Souto: "Aínda hai dor na ollada da xente de Aceredo e Buscalque"

Un dos directores de "Os días afogados" conta a historia dun documental que onte abriu a programación de "Cinemas ocultos"

César Souto (dereita) e Luis Avilés, onte na entrada ó Auditorio de Cangas. // Gonzalo Núñez

As aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense) foron borradas para sempre do mapa no ano 1992. A construción dun encoro no río Limia anegou os recordos dos veciños destas poboacións e converteu as súas casas en historia. Antes de que a auga as cubrira por completo algúns dos seus donos comezaron a gravar para inmortalizar como era o sitio que os vira nacer. O xornalista César Souto Vilanova (Noia, 1975), xunto co director de cine e realizador Luís Avilés, rescataron esta historia para facer un documental titulado "Os días afogados".Onte abriron con este traballo, ás 9 da noite no Auditorio, a semana "Cinemas ocultos", que está organizada por Cine Club Cangas e que traerá ata o día 8 de outubro 14 filmes de 9 países.

-"Os días afogados" conseguiu devolver á superficie ás aldeas de Aceredo e Buscalque?

-Dalgunha maneira o conseguimos, pero sobre todo creo que o conseguiron os veciños destas poboacións. Eles foron os que decidiron coller as súas cámaras sabendo que estas aldeas íanse a perder para sempre. Empezaron a mediados dos anos 60 a facelo co obxectivo de gravar o seu lugar de nacemento. Xa daquela falábase de que un embalse anegaría esta zona.

-Sería imposible facer este filme sen o cine doméstico que fixeron estas persoas?

-Si, nós tiñamos moi claro que nese material de arquivo que gravaron os veciños había unha película. Sabíamos que sen este traballo o documental sería imposible. Probablemente, teríamos que facer un proxecto diferente, moito más informativo e centrado en entrevistas ás persoas que viviron estes feitos. Isto non era o que queríamos facer xa que, por sorte, dispoñiamos dun material que é unha auténtica xoia.Pensamos que o máis importante era deixar que as gravacións falaran por si mesmas e facelas dialogar coas imaxes que filmamos do presente.

-Por que empezan a gravar os veciños?

-Simplemente pola posibilidade que o vídeo permite para inmortalizar a vida e o paso do tempo e por un acto de resistencia. Foi unha forma de loitar contra unha imposición que lles viña de fóra. O encoro foi algo que acordaron nos anos 60 os gobernos dos ditadores de España e Portugal, dirixidos por Franco e Salazar, para que os ríos fronteirizos aproveitáranse para dar enerxía. Gravar foi a súa maneira de resistir, aínda que tamén organizáronse protestas para loitar contra esta decisión política.

-A día de hoxe, como é a ollada da xente que vive alí?

-Séguese notando nela a tristeza dos que residiron en Aceredo e Buscalque. Hai xente á que non lle gusta falar deste asunto, prefiren pasar páxina e non deixar que volva as súas vidas este problema. É algo que aínda doe e que se reflicte nas persoas que aparecen no documental. Abonda con mirarlles ós ollos para saber que esa ferida segue aberta.

-Que lles arrincaron?

-Había unha veciña que nos dicía que a ela o que lle arrincaran fora a posibilidade de regresar ao lugar onde creceu. Cando un emigrante deixa unha aldea sempre lle queda a posibilidade de volver, pero neste caso non o poden facer. É como se che arrebataran algo que forma parte de ti. O sentimento que crea a imposibilidade de estar no lugar onde creciches é algo que só se pode entender se o vives directamente.

Compartir el artículo

stats