O sorriso da escena galega, Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980), chega hoxe ás nove da noite ao Auditorio Municipal de Cangas. O cómico presenta unha proposta, chamada "Monólogo do Imbécil", no que o seu protagonista terá que loitar contra a idea que a propia sociedade creu de si mesmo. Da man da compañía Eme2, esta obra, orixinaria do 2002 e que gañou un premio Max ao Mellor texto en Lingua Galega no 2003, promete gargalladas e o selo dun dos mellores cómicos galegos que hai a día de hoxe.
-Que ten de imbécil o protagonista do monólogo?
-El chámase Santi e o que ten de imbécil é debido a un prexuízo social. Pensa que o é porque a xente faillo crer. Había que valorar se, realmente, é imbécil o protagonista ou o é a xente.É un persoa á que todo lle sae mal, pero que ten un carácter riquiño.
-Entón, é unha construción social que o consideren como tal?
-Eu creo que si. É unha marca que lle ven imposta por como é ou polo tipo de vida que leva. A historia é unha comedia que conta a súa vida dende o momento da súa concepción, no que só é un espermatozoide nun óvulo, ata o momento actual da súa existencia.
-Pensa que a xente está marcada polo que pensan dela?
-Claro. Por como somos ou polas cousas que nos van acontecendo a medida que vivimos, as nosas personalidades transfórmanse. Todo o mundo ten algunha etiqueta que marca as súas relacións co resto do mundo.
-Que ten de distinto este monólogo doutros?
-Este espectáculo ten de distinto que foi escrito no 2002, antes do boom do monólogo cun estilo preto de formatos como o do "Club da Comedia". É unha iniciativa que aposta por un tipo de monólogo de teatro, cunha soa persoa enriba do escenario. Eu estou habituado a outro tipo de traballos máis improvisados e este é unha aposta totalmente teatral. O reto era aprender un texto con comas e puntos.
-Coa televisión, deu o gran salto na súa carreira?
-A televisión dáche unha visibilidade total. Con produtos como o programa "Land Rover", que o ve tanta xente, con personaxes como Mucha e Nucha no "Luar" ou co programa diario "Era Visto!", chegas a unha cantidade de xente que facendo só teatro sería imposible. Se gusta o que fas e lle caes ben a xente, que é o que me pasa a min, despois vese reflectido no aforo dos teatros.
-Por qué pensa que lle cae ben á xente?
-Demóstranmo a diario, tanto en directo como en diferido (risas). É un espectáculo, no que hai que pagar unha entrada e, que te veña moita xente a ver, xa é para min unha proba diso. Aínda que, sinceramente, non sei porque lle caio ben a xente. Supoño que é porque a fago rir en medio de todas as cousas malas que pasan hoxe en día. Rir é unha boa terapia.
-Ser humorista é un estado de ánimo constante?
-É un oficio. Está claro que algo ten que ir dentro dun para ser humorista. No meu caso, non son capaz de estar de broma as 24 horas do día. Para min o humor é un traballo. Habería que preguntarlle a miña familia se estou de bo ánimo ou se son bastante máis serio. Son un pouco toxo ás veces cando non estou traballando.
-Coñece Cangas?
-É unha vila que é un dos referentes a nivel teatral de toda Galicia. Falar de Cangas é falar de teatro, todas as compañías importantes pasan algunha vez polo seu escenario. Realmente, eu estiven só unha vez con "Amigos ata a morte". Nesa ocasión, o Auditorio estaba cheo e eu creo que o disfrutamos moito. Teño moitas ganas de volvelo a pasar así de ben.