Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luisa Ocampo Pereira Activista histórica del feminismo vigués

“Unha das nosas primeiras accións foi a defensa dunha muller acusada de adulterio”

Neta da pioneira mestra Ernestina Otero, Ocampo leva décadas vencellada ao activismo feminista en Vigo e analiza a súa evolución

Luisa Ocampo Pereira, onte, na contorna do Calvario. Alba Villar

Herdando os valores que a súa avoa sempre levou por bandeira, Luisa Ocampo Pereira foi educada na liberdade, na ética e na igualdade, ou como ela os define: “Nos valores da democracia”. Neta da pioneira mestra Ernestina Otero, símbolo da emancipación feminina e feminista da primeira metade do século XX en Galicia, as crenzas da súa avoa pasaron de xeración en xeración no eido familiar e iso foi o que motivou a Luisa a formar parte do feminismo vigués dende o seus inicios.

Quebra a súa voz ao lembrar á pequena Alicia, de sete anos, e revive con bágoas de dor e rabia as grandes mobilizacións que tiveran lugar na cidade logo de que un veciño de Beade a secuestrara, a violara, asasinara e a abandonara nun monte. Luisa Ocampo leva décadas loitando por unha igualdade real e no Día Internacional da Muller Traballadora di que para ela continúa sendo “un privilexio” ser activista feminista na súa cidade.

–Cando comeza a súa traxectoria como activista feminista, cales eran as principais demandas das mulleres?

–Paréceme fundamental recuperar a nosa historia, porque se non o facemos nós, as que estivemos dende os inicios, as que estiveron despois e as que están agora, nunca se contará como foi a historia real do feminismo, ben porque se descoñece ou porque vai ser terxirversada. Na actualidade estamos asistindo ao auxe do fascismo e cómpre lembrar que na segunda República os dereitos das mulleres tiñan avanzado moito, porque existía o dereito a voto, ao divorcio, ao aborto, había una acceso á educación, o recoñecemento das crianzas fóra do matrimonio,... uns dereitos que foron eliminados co golpe de Estado franquista. As violacións eran consideradas como “accesos carnais” e delitos de honestidade, non sexuais ou violencia machista, por exemplo. É por isto que a partir do ano 72 e logo da morte de Franco, o feminismo desta cidade o que comezou a facer foi loitar pola recuperación deses dereitos roubados e fundamentais. Neste senso, lembro que unha das primeiras accións que levamos a cabo foi a defensa dunha muller de Vilaxoán que estaba acusada de adulterio, por “yacer con otro hombre”.Foi un caso que mobilizou moito ao feminismo daquela época.

O foco estaba posto, por exemplo, no dereito ao divorcio, en despenalizar o adulterio da muller, a do aborto, a despenalización do emprego de anticonceptivos, lograr que as mulleres puideran mercar a prazos sen ter que depender do permiso do marido, tampouco se lles daba pasaporte, non se podían pedir subvencións sen permiso do home,... e a realidade é que non hai moito tempo disto. Tampouco había un acceso acceso libre ao traballo nin á educación, nin sexualidade libre e, por suposto, a publicidade sexista invadía todos os recunchos.

–Vigo é unha cidade cunha longa e marcada tradición obreira, na que as mobilizacións sempre xogaron un papel fundamental, ese ambiente tivo influencia no asociacionismo das mulleres viguesas?

–Si, por suposto. Eramos moi inxeniosas tendo moi poucos recursos, pero fomos quen de levar a cabo accións que incluso tiveron moi boa acollida entre a sociedade viguesa do momento. E aquí non hai que esquecer que Vigo sempre foi, dentro de toda Galicia, a cidade onde o feminismo era máis forte, onde era máis activo e sempre coa virtude de chegar á unidade á hora de emprender as accións, algo importantísimo. Hoxe non me cabe na cabeza como faciamos para xuntarnos tantas sen ter redes sociais, porque recordo perfectamente que cando había un asasinato ou unha violación, dun día para outro, xuntabamonos unha morea de mulleres e só porque nos chamabamos a través do teléfono fixo. Tiñamos creada unha rede impresionante, eramos un feminismo combativo e moi activo.

–Desas accións que menciona, lembra algunha que a marcara especialmente?

–Hai moitas, pero lembro unha especialmente porque xa estabamos fartas. Houbera moitísimas violacións en Vigo nun breve lapso de tempo e ademais a Xustiza, que xa sabemos que moitas veces non é para nada xusta, deixaba absoltos a todos aqueles violadores. Para denunciar aquela situación decidimos encadenarnos diante do Pazo de Xustiza, en Coia. Foi moi duro e mantivémonos firmes, porque por suposto veu a policía e dúas compañeiras acabaron na cadea, que aínda existía en Pontevedra. Dende aquela, creo aquel tipo de violencia tomouse máis en serio.

Outro caso que me marcou moito tivo lugar nos anos 80, cando foi asasinada no barrio de Beade Alicia, unha cativa de 7 anos que foi secuestrada por un delincuente, que a meteu no coche, violouna, asasinouna e abandonouna nun monte da zona. Lembro que dende o feminismo de Vigo contactamos directamente coa veciñanza de Beade, estivemos alí dando apoio á familia e a todo o barrio, que estaban desfeitos, e houbo unha resposta inmensa por parte da sociedade viguesa: Fixemos unha manifestación enorme nas rúas, ninguén quedou na casa. O feminismo achegouse ao barrio para arroupar á familia e sentimos que estabamos no lugar que era preciso. Aquel caso fora moi indignante porque todo o mundo sabía quen fora o asasino e violador, colléranlle a matrícula, pero soltárono por “falta de probas”. A veciñanza, farta de que estivera solto por aí, foi á súa casa a detelo e entregárono á policía. Cando foi o xuízo en Pontevedra, saíron dous autobuses cheos de xente dende Candeán para apoiar á familia, fóra do Pazo de Xustiza manifestámonos e non deixamos de berrar durante a celebración da vista. Foi indignante porque detiveron a unha compañeira sinxelamente por estar naquela protesta, que mesmo podería ter sido eu. Aquelas mobilizacións marcáronme moito porque sentimos que o feminismo estaba facendo algo absolutamente necesario, a familia estaba inmensamente agradecida, pero é que nós fixémolo pola pequena Alicia e por todas nós.

–A medida que a sociedade foi evolucionando, moitas daqueles dereitos foron recuperándose, pero tamén é certo que queda moito por facer; está cumpríndose a axenda feminista?

–Considero que a axenda feminista si foi avanzando nos últimos tempos, entre outras cousas, porque as mulleres a día de hoxe non consentimos xa dar pasos atrás. Agora ben, está claro que temos que estar sempre vixiantes, porque igual que se conquistan os dereitos os perdemos e aquí é inevitable lembrar a Simone de Beauvoir, nestes tempos onde o fascimo está presente no Parlamente e vendo o seu auxe, cando dicía que “bastará unha crise económica, política ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados”, porque ao longo da historia vemos que non son permanentes. O feminismo nunca pode descansar, temos que estar sempre aí, e o feminismo organizado é moi necesario.

Nos últimos anos estamos asistindo a intensos debates sobre a prostitución, os ventres de alugueiro, a pornografía ou a teoría “queer”. Eu, persoalmente, son abilicionista e considero positivo que se poñan enriba da mesa todos estes temas que nos afectan ás mulleres e que se debatan, sempre dende o respecto e con argumentos, nunca con insultos. Pero vexo tamén que se está intentando rachar unha unidade ou poñer trabas á estupenda evolución e marcha cara adiante que está tendo o feminismo. A min, persoalmente, non me sorprende, porque historicamente é algo cíclico e que xa teño visto: cando avanzamos moito, aparece algo que pretende frearnos.

Compartir el artículo

stats