O pasado día 28 de agosto faleceu na súa casa de Vigo María Teresa Fernández Cabaleiro, unha viguesa exemplar que se distinguiu dedicando a súa vida a axudar ás persoas con carencias intelectuais. Teresa naceu no seo dunha familia destacada da cidade olívica. Estudou no Colexio de San José de Cluny. Casada co notario tamén vigués Alfonso Zulueta de Haz, marcha con el a Gaucín (Málaga), o primeiro destino profesional do seu esposo, onde desenvolveu un importante labor con persoas necesitadas de axuda educativa naquela localidade.

Sempre se apoiou nas súas firmes creencias cristiás inspiradas no espírito do Vaticano II. De volta a Galicia, Teresa, que contaba cunha sensibilidade especial, descobre as grandes necesidades que no campo da discapacidade intelectual existían no seu contorno. Percorre as aldeas para ofrecer ás familias a posibilidade dunha educación e posterior ocupación laboral para este tipo de persoas.

Así, xurde a Asociación Xoán XXIII de Pontevedra, da que é fundadora no ano 1968 xunto con outras persoas e co seu esposo, e Presidenta desde 1998.

Andando o tempo o matrimonio promovería e crearía en Vigo a Fundación Tutelar Galega para persoas con discapacidade intelectual Sálvora no ano 1990 co obxecto de proporcionarlles os coidados precisos ao faltarlles os familiares pola súa morte ou outras circunstancias. Dicía no seu último acto público da Asociación Xoán XXIII que "a estas persoas hai que velas na parte que teñen de bondade, de cariño, de inxenuidade e de paz para a vida e así tratalas con amabilidade e sin anormalidade porque sufren moito con outro tipo de trato". A dedicación de Teresa a este labor faina merecedora da distición de Viguesa Distinguida, no ano 1996. O seu trato cercano e cortés fíxoa unha persoa moi querida e repectada. Acudía con frecuencia aos actos culturais da cidade viguesa e de toda Galicia, polo que era moi coñecida neses ambientes. Teresa tampouco faltaba xunto co seu home á misa en galego dos domingos, ás 12.15, na Igrexa dos Apóstolos da rúa Marqués de Valadares, fiel ao principio de inculturación que os ventos do Vaticano II trouxeron para a Igrexa.

A Fundación Penzol ten con ela unha débeda especial pola doazón que fixo dos fondos documentais e de moitos libros de Alfonso Zulueta cando el faleceu. Actuando sempre con discreción e modestia, deixa un recordo de amabilidade, bo facer e de entrega aos discapacitados, con unha vida exemplar que engradece a Vigo e a toda a nosa sociedade. Que a terra lle sexa leve.

*Director da Fundación Penzol de Vigo