Un dous cabalos de Citroën, de cando as matrículas tiñan a C diante e só unha letra despois dos catro números, presidiu onte a entrada ao frontón de Riazor. Con ese coche anunciábase en setembro de 1982 a asemblea constituínte do Bloque Nacionalista Galego na instalación deportiva a carón do estadio, os días 25 e 26. Corenta anos máis tarde, a militancia nacionalista conmemorou a efeméride no mesmo escenario, nun acto no que os responsables políticos da fronte, con Ana Pontón diante, viaxaron ao pasado (pouco) para mirar (máis) ao futuro. O BNG amosou unha mensaxe de forza e un sentimento de esperanza que apuntan cara un maior peso político, sobre todo nas eleccións municipais de 2023.

Máis dun milleiro de persoas quixeron ser partícipes do 40 aniversario da fundación do Bloque. Disposto o público na pista e na bancada do frontón dun xeito similar ao de hai catro décadas, os dirixentes nacionalistas sentíronse apoiados co sentimento de “unión”, “compromiso”, “autodeterminación” e “poder popular” do que o Bloque fai bandeira. “Estamos en plena forma aos corenta anos, dispostos a gañar un futuro mellor con máis BNG en Europa, no Congreso dos Deputados, nos concellos e en Galicia, cunha presidenta que defenderá aos galegos e galegas”, proclamou a voceira nacional no seu discurso ao peche do acto.

Antes, imaxes daquela asemblea fundacional nunha pantalla e de feitos ocorridos en Galicia e no BNG ao longo dos anos fixeron saír as bágoas de nostalxia entre os asistentes. Mais as lembranzas e os discursos tiñan unha dirección máis ambiciosa: romper teitos, gañar protagonismo político, defender ao país ocupando máis escanos nos órganos de representación. “Nesta crise actual temos una boa oportunidade para que o nacionalismo galego lidere o cambio de Galicia”, alentou a deputada Noa Presas, de 34 años, representante das novas xeracións nacionalistas nas intervencións.

Xunto a ela e a Pontón falaron tamén o voceiro municipal na Coruña, Francisco Jorquera; a deputada no Parlamento Europeo Ana Miranda; o deputado no Congreso Néstor Rego; o exdeputado e histórico dirixente da UPG Francisco Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez; e a militante de base Pascuala Delgado. Entre o público estivo Camilo Nogueira, outro histórico deputado e eurodeputado, con quen se abrazou Miranda.

Foi esta, defensora do peso galego no continente (“Galicia é unha nación, aquí e en Europa”) quen máis euforia botou ás súas palabras, en clave municipal para referirse a Jorquera como “o próximo alcalde da Coruña”. O voceiro en María Pita, que lembrou a súa presenza na asemblea de 1982, debuxou “unha grande oportunidade de construír país” nas eleccións de maio de 2023: “Temos un inmenso futuro”.

Rego animou a “ensanchar o nacionalismo”:“Somos quen mellor defende o país e ás clases populares. Non hai problema ante o que non teñamos presentado batalla e dado alternativas”. Lores criticou os “localismos disgregadores” e convidou a saír “da zona de confort” para “ir a por todas” nas eleccións municipais de 2023, “desde a máxima confianza en nós mesmos, disputando o partido coa confianza de que imos ganalo”. E Rodríguez subliñou a vixencia do feito de que Galicia “necesita unha forza nacionalista propia de seu”.

Na conclusión, Ana Pontón presumiu do “bo momento” do nacionalismo e atacou ao Goberno galego. “Queremos gobernar para as maiorías e sen subordinación a Madrid, non como o PP que goberna pensando nas empresas amigas e nos millonarios”, denunciou, en relación ao anuncio do presidente galego, Alfonso Rueda, de baixar os impostos ás rentas altas, un “pelotazo fiscal de 34 millóns de euros”: “Aí vemos o estilo Rueda: facer submisamente o que lle manda Feijóo desde Madrid”.

O acto contou coa actuación musical de Xosé Luís Rivas, “Mini”, Navia Rivas e Pablo Jasper e a participación do actor Miguel Pernas e da actriz Isabel Risco. O himno galego, en pé e co puño en alto, puxo fin ao 40 aniversario do Bloque na casa onde naceu.