A Real Academia Galega e a Fundación Barrié atópanse na busca da 'Palabra do Ano 2020', un proxecto impulsado, un ano máis, a través do Portal das Palabras co obxectivo de difundir o léxico galego.

Deste xeito, a cidadanía poderá decidir a palabra que identifica o ano que remata, tanto para liberarse de "aquilo que queren deixar atrás", que probablemente para moitos neste 2020 marcado pola pandemia do coronavirus haxa moito que esquecer, como para amosar o bo destes doce meses que chegan ao seu fin.

Este proxecto constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, que permanecerá aberta ata o domingo 13 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do 14 ao 25 de decembro, someteranse a votación telemática os máis significativos e máis repetidos na primeira fase. Finalmente, o luns 28 de decembro darase a coñecer cal é a Palabra do Ano 2020.