16 de mayo de 2019
16.05.2019

Ana Miranda: "O escano do BNG é de país: traballamos para todos os galegos"

"Agora vésenos cunha imaxe máis seria. Ana Pontón, Goretti Sanmartín ou eu somos exemplo de política de man tendida"

16.05.2019 | 01:04
A candidata do BNG ás europeas, Ana Miranda. // Grobas

Nos corredores de Bruxelas é coñecida como " Madame Galice", pero Ana Miranda (1971) non oculta o seu novo alcume: a deputada "che parla più". Impúxollo o presidente da Eurocámara, o italiano Antonio Tajani, para resaltar a frenética actividade da nacionalista, de novo candidata do BNG ás europeas, no seu afán por poñer enriba da mesa comunitaria asuntos como a pesca, o Corredor Atlántico ou o financiamento. E como non, o esclarecemento do sinistro do Alvia.

-Imaxine que está fronte a un galego que descoñece a importancia da UE para Galicia: como o animaría a votar?

-Decídense moitísimas cousas da súa vida. Dende os plásticos que merca nunha botella, a composición da roupa, o prezo da luz, a cadena alimentaria e as decisións macroeconómicas: se ten salarios máis altos ou máis baixos, ou as pensións. Votar tamén significa que alguén poida estar alí para falar das cousas propias dun galego, como a calidade da auga, a pesca, a agricultura, o medio ambiente... Ou que o Porto de Vigo estea en primeira liña, que agora non está.

-Preséntase con Bildu e ERC ás europeas, o protagonismo mediático do procés pode eclipsar os intereses de Galicia?

-Non. Temos a suficiente personalidade, capacidade e un traballo feito que nos avala. Presentámonos en coalición porque desgraciadamente non podemos ter un escano sós. Se non, faríamolo, iso está claro. A tradición de compartir é algo normal e en Europa tamén: se non tes consenso con determinados partidos, alí non sacarías nada. Serías 1 entre 751.

-Atácana tamén por ese flanco, por ser socia de Bildu e Esquerrra.

-Que miren o traballo feito. Hai moitos partidos que prefiren atacar por aí porque se non porían en evidencia o pouco que traballaron os seus deputados. A min como non me gusta falar de ninguén, prefiro falar do meu traballo, que se defende só.

-Vai de número 5, pero o 1 é Oriol Junqueras e as enquisas danlle 3, pode ter máis protagonismo nesta lexislatura?

-Humildemente, creo que si. En realidade é un 4 efectivo. O CIS estanos a dar 3 e nós facemos un chamamento para obter o cuarto, que dende logo sería o escano galego. A xente está valorando moi ben o noso traballo: o Alvia, a cuestión da pesca, contra a precariedade laboral, a loita do xeito... Algo que demostramos nesta lexislatura -e que o está a recoñecer moita xente doutras ideoloxías- é que o escano do BNG é de país: non che pregunta se nos votaches a nós. Traballas para todos, para toda a xente galega. Ademais, a min non se me subiu o cargo. A xente ás veces cambia ao chegar alí e eu sigo indo no mesmo Vitrasa, e ás mesmas tendas.

-O Brexit suporá un burato no orzamento de 15.000 millóns, e hai ameaza de recorte de 1.140 millóns en fondos para Galicia, temos que asumir xa que vai haber tesoira?

-A situación está aberta. Estamos vendo un vaivén na negociación do Brexit. Esta incerteza está provocando que quen vaiamos "pagar o pato" sexamos as periferias. Non creo que vaia ser Alemaña. O que lle pedimos a Eurocámara é que non se recorte a cohesión. A cuestión é que estás deixando de apoiar aos que están en situación de máis dificultade precisamente por apoiar á defensa. Ou sexa, non hai cartos para unha cousa e hainos para outra? Por iso é necesario ter escano de país e esixir ao comisario Barnier e á Comisión que se blinde a situación galega, cun Goberno que dea un pouco máis a cara.

-E está pendente a saída Sur do Corredor. Pregúntollo como veciña de Vigo.

-E exerzo como tal. Esta é unha das miñas teimas. Falamos con moitos deputados de todas as partes para que entrara nese trílogo. A inclusión da Eurorrexión é unha oportunidade para todos nós, pero é que houbo deixadez. Hai un ano, Ana Pontón e eu reunímonos co poñente de Corredor, e el dicía que se trataba tamén dunha cuestión de presión. Imos con retraso. Hai que estar co ollo atento nas decisións europeas e anticiparse.

-Estarían mellor representados todos estes intereses se os eurodeputados galegos fixesen fronte común en Bruxelas por riba de intereses de partido, como reclamaban algúns 'ex'?

-Quen lanzou a iniciativa de fronte común en 2013 fun eu e o BNG, e non me fixeron nin caso. Paréceme óptimo. Moitas veces os representantes de aquí débense máis a Madrid, ao que lle diga ao partido, e calan ante certos temas galegos.

-Comparte esa visión do eurodeputado-dinosaurio que se retira en Bruxelas a gañar un salario máis digno pero nun posto de segunda fila? Que hai de certo?

-Cada vez se estilan menos, creo que é un visión cada vez un pouco máis desterrada. Non é util, porque moitos nin traballan. Ves a diferenza entre deputados que van apertar un botón e os que se moven, que tentamos chegar a todo o país, cun cuarto de escano. Como digo no vídeo do BNG: son moi plasta.

-Angrois. Arrrincarlle a Europa ese informe sobre o accidente, sentiuno como o seu maior triunfo en Bruxelas?

-Alí hai xente que me di "a eurodeputada do Alvia", e cada vez que o escoito fáiseme un nó no estómago. O outro día cando atopei á comisaria (de transportes, Violeta Bulc) abrazámonos e díxenlle: "Comisaria, vostede creume e confiou no que lle dicía para iniciar un procedemento". Quero volver a Bruxelas para acadar e chegar ata o final da verdade do Alvia. Non está pechado o caso: o tren non chegou ao seu destino aínda.

-Espera recoller os restos da fragmentación do espazo rupturista en Europa?

-Quedamos sen voz nacionalista en Madrid e sería unha oportunidade. Fago un chamamento moi humilde, pero coa man tendida, a toda a xente que quedou sen casa ou que non está contenta coa que ten, e atope aquí un paraugas de unidade e de traballo conxunto. Sería moi bo para o país. Non para min, que só son unha peza.

-Vox. Despois do 28-A, hai menos temor?

-O que sería triste é que un escano como o que representa o BNG, dunha muller galega con voz en Europa, que fose substituído por un de extrema dereita. Entón eu tamén fago chamamento a votar por un escano democrático. E que non sexamos substituídos precisamente por un facha.

-A que atribúe esa remontada do BNG?

-A que estamos as mulleres (ri). Esa é unha brincadeira, pero atribúoo a que somos unha organización con base.

-Pero a base existía antes tamén. Será porque o nacionalismo amosa unha cara máis amable?

-Hai unha organización e iso axuda moito. Estamos asistindo a que se nos ve cunha imaxe máis seria e rigorosa, e non é que non a tivera antes. E a cara amable pode ser, si. A irrupción de Ana Pontón, e o feito de ter a man tendida a todo o mundo... É verdade que pasamos tempos duros, tomouse a cousa en serio, hai moita ilusión, e neste momento creo que o papel das mulleres influíu moito para achegar esa outra idea. Goretti (Sanmartín), Pontón ou eu somos exemplo desoutro xeito de ver a política.

-É considerada xa un valor dentro do BNG, algún día verémola facendo política noutro lugar que non sexa Bruxelas?

-(Bota as mans á faciana e ruborízase) Creo que a convicción que teño nos temas europeos, que Galiza conte en Europa, é o que vai ocupar o meu tempo neste cinco anos e logo xa falaremos. Eu fago moita política de país e de corredoiras. Por agora non me vexo, non. Creo que son máis útil en Bruxelas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


Calendario laboral y escolar 2019/2020

Calendario laboral 2019 en Galicia

Calendario Laboral 2019 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2019/2020 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia