Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Centos de contos que non rematan ben para os lobos

A Xunta autorizou en 2017 cinco batidas nas que non houbo capturas pero Adega estima que o furtivismo mata ata 300 animais

Imaxe de arquivo dun lobo ibérico en semiliberdade no Centro del Lobo Ibérico de Robledo (Zamora). // Efe / J. J. Guillén

As batidas do lobo autorizadas pola Xunta durante o ano pasado saldáronse con cero capturas e na década anterior autorizáronse 75 controis con 17 lobos abatidos, segundo datos de Adega a partir de información do Goberno galego. Non obstante, centos destes animais morren "pola porta de atrás", polo furtivismo e a "persecución ilegal", advirten dende a asociación ecoloxista. Martiño Nercellas, biólogo e vogal de Biodiversidade da entidade, sinala que se estima que o número de lobos que estarían a morrer "ilegalmente" (caza, veleno, trampas tipo lazo e cepos) viría sendo "case igual" cos que nacen. "Podemos estar a falar de que en Galicia se matan ao año entre 200 e 300 lobos", calcula, un "fenómeno" que ao seu xuízo explica por que a tendencia do tamaño da poboación se mantén "estancada" dende os 80.

Dese xeito, incide en que esta situación do mamífero en Galicia é "preocupante", aínda que, con todo, e facendo un repaso da normativa que atingue á especie noutras comunidades, "nestes momentos, probablemente, e circunscribíndonos a un ámbito administrativo, e dentro das responsabilidades e papel das administracións, a situación en Galicia resulta a máis favorable". E é que agás ao sur do Douro, onde o lobo se atopa "estritamente protexido", no norte a súa caza depende da autonomía e nestes momentos está nos tribunais.

Así, explica, en Castilla y León o plan de xestión, anulado polos tribunais agora, permitiría abater ao norte do Douro 140 lobos nos vindeiros tres anos. En Cantabria, di, está recorrido o Protocolo de regulación do lobo nos Picos de Europa e Ecologistas en Acción está valorando inicar accións xudiciais ao entendelo contra dereito. En Asturias, conta, a especie está "protexida sobre o papel", pero o Goberno aprobou un programa de "control" sen control de cupo para un terzo do territorio, feito que tamén está nos tribunais.

En Galicia, conta o biólogo, a xestión do lobo conta cun plan, cuxa revisión e actualización está anunciada pola Consellería de Medio Ambiente, que non se chegou a xudicializar na súa vixencia. Non obstante, Adega trasladou o ano pasado á Fiscalía as súas "dúbidas" sobre que as autorizacións para batidas e controis se "sustentaran en criterios e/ou protocolos previstos no Plan do Lobo". Aínda que a Fiscalía non viu indicios de delito, para o resto do ano non se autorizaron máis batidas, apunta Nercellas.

Incide tamén o biólogo en que nas comunidades nas que hai aprobado un plan de xestión do lobo este é un instrumento de protección de obrigatorio cumprimento que prevalece sobre o resto das medidas de xestión que afectan á especie. Ese plan, explica Adega nun comunicado, dispón que para que haxa "controis poboacionais" deberase "previamente comprobar a ineficacia dunha avaliación técnica dos danos sobre o gando, da adopción de medidas preventivas, do grao de conflictividade social e fo estado poboacional do lobo, que deberá ser obxecto de seguimento".

Para Nercellas, é a prevención "o camiño a seguir para favorecer a coexistencia entre lobo e gando". Nese ámbito, advirte de que malia que hai dous anos houbo un incremento importante das axudas para danos do lobo e para adoptar medidas preventivas, "novamente se están reducindo". "Mentres que non se melloren as contías de pago e o trámite para efectualos a percepción do lobo continuará medrando en negativo", incide. Para Adega, deben eliminarse trabas burocráticas para os pagos por danos, que deben ser "inmediatos" nos casos máis "claros".

Compartir el artículo

stats