As Festas de Verán de Silleda dan o pistoletazo de saída ás múltiples celebracións que no concello trasdezá teñen lugar durante toda a tempada estival. Hoxe venres, festivo local no municipio, a gastronomía e a música volven ser protagonistas despois de dous anos de pandemia que obrigaron a suspender os festexos.

O tobogán xigante Rio Bravo -da empresa Tikolandia-, volve este ano a Silleda. BERNABE/ANA AGRA

Ás 12:00 horas terá lugar o chupinazo dende a praza Juan Salgueiro e a continuación o pasarrúas do grupo Airiños do Trasdeza, do Colexio María Inmaculada. Arredor das 13:30, na propia praza, celebrarase a xa tradicional degustación de lacón, ofrecida pola Asociación Cultural o Lacón, como aperitivo á gran cea na mesma praza na que se agardan a unhas 1.200 persoas. Para amenizar o mediodía, estará a Lou Band, co seu espectáculo musical itinerante. Xa pola tarde, na praza Siñor Afranio, terá lugar o espectáculo infantil musical “ A teacher Lu”, do programa Fala Redes. Na Praza Juan Salgueiro actuará, como xa é tradición, a Banda Xuvenil de Silleda, dando paso á velada gastronómica, que celebra o seu 22 aniversario, e que animará a continuación o Trío Orquídea, co silledense Mixel, recanteiro do programa Luar. Dani Barreiro & Friends tamén voltan a Silleda tras o seu exitoso concerto en 2019, para amenizar o concerto final do venres na praza Siñor Afranio, onde o fin de festa correrá a cargo da Mekánica Rolling Band, a exitosa electrocharanga que foi finalista do programa Got Talent e que gañou este ano o premio Cantalingua co tema “En busca de festa”. Na Praza da Igrexa, tamén na noite de hoxe, haberá sesión musical para a mocidade con Carlos López.

Festa do Lacón. BERNABE/ANA AGRA

A festa do lacón, que chega este ano á súa XXII edición, agarda a chegada de 1.200 persoas

O sábado día 9 chega unha das novidades do programa: o vermú Mariachi, con tres formacións que percorrerán os bares da vila con temas populares de México. Sol de Galicia, Noche de Ronda e Amigos de México serán os encargados de amenizar o percorrido. Tamén na xornada de sábado voltan as actividades para a cativada, con obradoiros e xogos na praza Juan Salgueiro (18:00h) e actividades deportivas coma o Torneo de Deza Pádel nas instalacións de FM Sport. A banda de Música Municipal de Silleda acompañará o sábado pola tarde (20:00 hroas) á Banda de Getafe (Madrid) como convidada nun concerto na praza Siñor Afranio. A verbena do sábado será na rúa Pintor Colmeiro e correrá a cargo de orquestra Olympus e o grupo Festicultores.

A xornada do domingo estará protagonizada polas dúas bandas do municipio. A Municipal de Silleda e a Recreativa e Cultural da Bandeira encargaránse do pasarrúas e concertos de mañá (avenida do Parque) e da tarde (Siñor Afranio). A misa, ás 12:30 horas será cantada pola Coral Polifónica Trasdeza. Esta última xornada de festa en Silleda contará con diversión para o público máis novo con inchables acuáticos, o tobogán Río Bravo e unha festa da escuma na rúa Pontevedra. O fin de festa será a golpe de verbena da man da Charanga Ardores.

or López Maceda, Luis Alberto Lázara, Alfonso Vázquez Trabazo, Diego Pérez Filloy, Javier Muiños, ou Mateo Colmenero entre outros, forman parte da comisión de festas que, en colaboración co Concello de Silleda e a Asociación Cultural o Lacón, conseguiron traer de volta as agardadas Festas de Verán de Silleda.

Dende o Concello o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González, agradeceron o traballo deste grupo, con xente nova e implicada, e para a que apelan tamén ao apoio e colaboración da veciñanza.