O pasado martes 11 de febreiro, o BOE publicaba a resolución da Secretaría de Estado de Turismo pola que se recoñece oficialmente a Feira do Cocido de Lalín como Festa de Interese Turístico Internacional, situandoa así como a festa gastronómica máis importante de España, sendo a primeira desta índole en acadalo. Sen dúbida, un salto de calidade no devir da Feira do Cocido, xa que a internacionalización marcará o inicio dunha nova etapa para elevar dito evento á excelencia. O Concello de Lalín non quixo perder a oportunidade de agradecer á Secretaría de Estado de Turismo polo galardón e á Consellería de Román Rodríguez pola colaboración e apoio prestados neste longo e laborioso proceso. Así mesmo, non se esquecen de loubar o esforzo feito por todos os lalinenses dende aquel 1969 ata hoxe para conseguir esta distinción, un recoñecemento que marcará un antes e un despois na celebración da cita gastronómica.

Dinamizador da economía local

A Feira do Cocido de Lalín supón un gran revulsivo para a economía local. Durante as últimas semanas as rúas e establecementos da localidade recibiron moreas de visitantes con gañas de coñecer de primeira man a oferta gastronómica lalinense. Tanto é así que as 3.600 prazas ofertadas polos establecementos adheridos ao Mes do Cocido de Lalín (iniciativa posta en marcha hai 22 anos) non foron suficientes para dar acollida a todos os visitantes. Hai casos que mesmo teñen completo o aforo ata o vindeiro mes de maio, xa nas vísperas do verán, polo que tentar achegarse a Lalín a degustar un cocido sen previa reserva, antóllase tarefa imposible, en vistas do grande éxito e repercusión da cita gastronómica. Neste senso, o rexidor lalinense aposta pola desestacionalización do prato, pasando a servilo durante todo o ano. Ademáis, un dos aspectos polos que máis se está traballando é por cons

Encomenda do Cocido

A Feira do Cocido de 2020 recupera o Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, despois de catro anos nos que o anterior goberno decidira suprimilo. Terá lugar durante a celebración dos actos oficiais do certame na casa consistorial. Os nomeados desta volta serán a actriz gañadora dun Goya Benedicta Sánchez, o alcalde de Madrid Martínez-Almeida, o catedrático de nutrición Gregorio Varela, Yosi (líder dos Suaves), o investigador Daniel González Alen, a xornalista Amelia Ferreiroa e a propia pregoeira da 52 Feira do Cocido, a xornalista e escritora Sonsoles Ónega, serán os novos nomeados nesta edición.

Recomendacións

A Policía Local recomenda a todos os visitantes que se acheguen no día grande do Cocido ata Lalín, que tenten evitar o aceso ao centro do casco urbano, posto que serán numerosas as rúas que se verán afectadas por cortes de tráfico para garantir a seguridade dos asistentes e tamén para permitir a localización dos distintos elementos e escenarios que compoñen a celebración.

Para solventar estas limitacións de tráfico, cabe sinalar que haberá importantes zonas de estacionamento nas explanadas dos dous centros comerciais, ao longo da Rolda Leste, no Campo de Lalín de Arriba e en toda a periferia.