Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Educación ambiental en Teis

O instituto do barrio vigués acolle unha exposición etnográfica en colaboración co colexio público San Salvador

Mostras de plantas e traballo coas mazorcas de millo. José Lores

O Instituto de Ensino Secundario de Teis, coincidindo co Día Mundial da Educación Ambiental, abreu a exposición "Educación ambiental en Teis", enmarcada dentro do proxecto realizado no CEIP San Salvador. Trátase dun proxecto transversal que engloba unha serie de actividades encamiñadas non só a traballar diferentes aspectos dos currículos de primaria e secundaria, senón, sobre todo, á educación en valores. Como valor engadido, este proxecto ofrece un modelo de traballo multidisciplinar no que están implicados todos os sectores da comunidade educativa: alumnado, familias e profesorado.

Continúa así entre o CEIP San Salvador e o seu instituto de referencia, o IES de Teis, un plan de colaboración que se concreta nunha dobre dirección: por un lado, dar continuidade no instituto a formas de traballar, proxectos e liñas de actuación realizadas no colexio de probado interese e resultados recoñecidos. Por outro lado, potenciar no colexio a iniciación de actividades e modelos de traballo que levan anos funcionando con éxito no instituto.

Esta colaboración estase a materializar en diversos aspectos do funcionamento dos dous centros: proxecto deportivo (realización conxunta de actividades de bádminton e cross), proxecto medioambiental (participación en plans de recuperación medioambiental, axenda botánica, kokedama...), plans de orientación (transición de primaria a secundaria, charlas sobre riscos de internet e TIC...), biblioteca (colaboración de pais e nais na xestión da biblioteca, potenciación da figura do padriño lector...), actividades extraescolares (celebración conxunta de conmemoracións como o Día da Paz).

Obxectivos desta andaina: defender un modelo de ensino público comprometido co seu medio, que eduque en valores, que fomente o traballo en equipo e que faga medrar na responsabilidade e a cooperación. Que os rapaces e rapazas do barrio vivan a transición de primaria a secundaria con naturalidade e comodidade. Que a comunidade de Teis vexa os dous centros como un patrimonio común que non só debemos coidar e respectar, senón tamén defender, potenciar e acrecentar; referentes de vida no barrio e forxadores de futuro.

Compartir el artículo

stats