Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os estudiantes puderon participar na plantación de árbores no monte.

Día da Árbore no IES O Castro

Os alumnos de 1º da ESO do instituto celebran unha xornada cos comuneiros de San Salvador de Coruxo no monte Fragoselo

Unha vez máis a primavera non chegou ao monte. Para celebrar a chegada da estación e o Día da árbore, o alumnado de 1º da ESO do Instituto O Castro trasladouse ao monte de Fragoselo, na parroquia de San Salvador de Coruxo, que dá nome á comunidade de montes veciñais en man común desa parroquia, e alí poder desfrutar dun día sen libros, cadernos e lapis, aínda que non de móbiles, porque se lle advertiu de que poderían usalo para poder recoller fotos de interese desde o punto de vista medioambiental.Hai que advertir que xa frei Martín Sarmiento aconsellaba ao seu irmán con respecto á educación do seu fillo que se debería empezar por mostrarlle de que árbore se trataba, en galego, e logo aprender os nomes en castelán e latín.

A recepción na sede da Comunidade de montes por parte do persoal que traballa aí ilustrando aos rapaces sobre a importancia que teñen os montes veciñais en man común, a súa propiedade, e as especies que nel se poden atopar serviu de introdución á xornada, para sorprenderse con descubertas tan especiais como que alí habitan especies endémicas ou que unha boa parte de mamíferos, réptiles e anfibios poden ser vistos na contorna destes montes periurbanos que forman unha especie de mirador en ferradura sobre a ría de Vigo.Iso en canto á fauna, para logo facer un breve percorrido pola flora e introducilos na importancia de salvagardar as especies autóctonas (sobreira, carballo, castiñeiro,etc) fronte á invasión doutras menos beneficiosas polo que pode supoñer a expansión do monocultivo con árbores do tipo do eucalipto ou a acacia negra.A continuación o exército de braceiros dirixiuse ao punto reservado para levar a cabo a que sería a maior descuberta do día: a plantación de árbores autóctonas:sobreiras, castiñeiros, érbedos, cerdeiras, etc. A todo isto, hai que recoñecer que a parte máis dura do traballo estaba realizada por Rubén e Alfonso que xa tiñan os foxos preparados para nada máis chegar e plantar, como así foi, non sen o conseguinte perigo para uns recén iniciados nas artes do sacho, a pa, ou o angazo. En calquera caso, puxéronlle vontade e interese para que á volta duns anos poidan ver a súa obra vexetal.Advertíuselles que o terreo que pisaban e onde se plantaba non había moito tempo estivera cuberto de piñeiros e eucaliptos e o que se quere é rexenerar ese espazo con variedades caducifolias, maís acordes coa flora galega.

Percorrido polo monte

De seguido iniciouse o percorrido polo monte tentando mostrarlles o que nos pode ofrecer este medio en canto ao patrimonio material e inmaterial. Así tamén respondiamos a un dos obxectivos da xornada que era o de facilitarlles recursos para poder participar no concurso que organiza Confemadera e que ten como eslógan na súa campaña:"O monte é a nosa vida", coa que prentende sensibilzarse á xuventude sobre o valor do monte desde o punto de económico, social e ambiental.

Logo de deixar atrás o campo de fútbol, e a ambas mans plantacións recentes e outras xa madeirables, chegamos ata o punto verde no que se atopa a planta de biomasa e que este ano está de máxima actualidade porque está recollendo un número moi elevado de palmeiras que son vítimas dun escaravello vermello que fai que moitas delas sequen polo efecto dese insecto. As mostras están a vista, ducias de toros de palmeiras agardan pola súa transformación en biomasa. Neste punto, cando xa é hora do recreo, non se lle perdoa á parva, como é de rigor entre os esforzados traballadores.

De non ser pola intervención humana que trazou o camiño de acceso ata o parque forestal, máis enriba, estariamos a cruzar por unha especie de fraga na que conviven variedades vexetais moi diversas: castiñeiros que forman soutos, acivros que conservan o seu verdor á sombra daqueles e pola súa orientación, bidueiros aos que delata a súa casca branca -aínda non teñen folla moitas das árbores-, carballos e piñeiros, nogueiras e amieiros, freixos e salgueiros conviven en harmonía coa auga cantareira que estes días humidece a terra que esixen estas especies. A flor está presente en pereiras bravas, espiños e cerdeiras, e dentro duns días tamén os tulipeiros de Virxinia, érbedos e capudres, para que paxaros e abellas cumpran coa súa tarefa.

No percorrido hai un punto de especial interese coñecido como regueira de Laxiade, onde desde hai uns anos a Comunidade de montes está levando a cabo un traballo importante de recuperación de especies autóctonas características de ribeira e que serve como reflexión e ensinanza sobre a importancia do monte desde o punto de vista ambiental:a auga fai que medren os amieiros, abelairas e freixos fronte ao que antes eran eucaliptos e acacias.

Como se fose un lugar de culto, encrucillada, onde tradicionalmente en Galicia se acostumaba a cantar un responso seguido dunha oración, no noso caso aproveitamos para realizar a lectura/recitación dalgúns textos que na historia da literatura galega teñen sido de atención por parte de poetas e narradores algunhas plantas típicas: o toxo, os carballos, ou o castiñeiro foron este ano motivos de atención da man de M. Rivas e Manuel María. Aquel por ter un texto inxenioso adicado ao toxo e este por ter varios na súa produción literaria e adicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

O ombú do instituto

Así se foi pasando a mañá, e mentres agardamos para subir aos autobuses aínda houbo tempo para xogar ao fútbol, enredar no parque infantil e, por se era pouco, practicar un pouco de ioga. En fin, agradecérmonos ao profesorado acompañante e ao persoal da comunidade de montes de Coruxo o termos desfrutado dunha xornada completa, así como o detalle de agasallarnos cunha sobreira que sería plantada ao pé do érbedo que xa enraizou no xardín do Instituto,como proba da colaboración ao longo destes últimos anos entre as dúas institucións e como contribución á ampliación de especies vexetais que cada ano se van incorporando á longa lista da que xa se dispón e acadar o que xa vén sendo unha teima por parte do Instituto: que o OMBÚ sexa catalogado pola Consellería de Medio Ambiente,infraestruturas e territorio como Árbore Senlleira.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.