É un calendario con 365 fitos científicos da historia da ciencia no mundo e tamén de figuras destacadas neste eido. Entre elas hai varios nomes galegos, propostos precisamente por persoas interesadas neste tema xa que cada ano a organización do calendario permite ao público suxerir feitos ou persoas para destacar no mesmo.

Neste caso envíanos o músico Paco Cerdeira (Pakolas, nome artístico) a proposta enviada por el mesmo, logo de lanzar o seu libro disco “Ramona Órbita. A dona do tempo”, unha muller moi divertida inspirada na súa bisavoa Ramona. Esta é unha muller ben curiosa e sobre todo preocupada polo medio ambiente e por protexer a natureza, e mellorar o noso futuro. Un libro aliñado con medio ambiente e rock and roll. Por iso pensaron en música e científicas galegas. As propostas foron enviadas ao correo: calendario.cientifico@csic.es.

Algunhas das propostas dende Galicia para o calendario científico do CSIC:

28 de marzo de 1895: Nace a ferrolana Ángela Ruiz Robles, inventora do primeiro libro electrónico coa súa ‘Enciclopedia Mecánica’.

10 de agosto de 1937: Paténtase a primeira guitarra eléctrica, o instrumento que revolucionou o jazz, o blues e a música country e fundou o rock and roll.

29 de xaneiro de 1953: Morre Manuela Barreiro Pico (Viveiro) en Madrid. Foi a primeira muller galega en recibir o título de bacharelato e a primeira licenciada en Farmacia. Finalmente, a inclusión no calendario quedou deste xeito: un 29 de xaneiro (de 1953) falece a farmacéutica Manuela Barreiro Pico. Foi pioneira por ser a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela en 1896. Tras titularse, tivo que insistir en obter o permiso para exercer a profesión, algo que logrou en 1901.

9 de marzo de 1911:  Nace en Vilna Clara Rockmore. Foi unha virtuosa da música que destacou como intérprete de Theremín.

31 de agosto de 2014: O primeiro satélite made in Galicia, o Xatcobeo, desintegrouse tras dar 13.623 voltas á Terra. Foi o primeiro nanosatélite universitario do Estado. Finalmente incorporouse no calendario esta efeméride o 13 de febreiro (de 2012). Nesta data tivo lugar o lanzamento do satélite galego Xatcobeo. A súa finalidade era realizar investigación en comunicación e en enerxía fotovoltaica para satélites.

26 de febreiro de 1773: Nace Isabel Zendal en Ordes, a primeira enfermeira en misión internacional.

Hai unha versión completa do calendario en galego, que se pode descargar no seguinte enlace: digital.csic.es/handle/10261/256425. Tamén é posible consultar nos CFR (Centros de Formación e Recursos) a posibilidade de conseguir un exemplar impreso.

Ángela Ruiz Robles.

Creou a primeira enciclopedia mecánica, precursora da tableta

Esta mestra e pedagoga, que viviu en Ferrol, inventou en 1949 a enciclopedia mecánica, precursora do libro electrónico e da tableta. Ángela Ruiz Robles (1895-1975) foi máis alá da aula.

Manuela Barreiro Pico.

A primeira muller matriculada na Universidade de Santiago

Manuela Barreiro Pico, farmacéutica, foi pioneira por ser a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago en 1896. Non logrou o permiso para exercer ata 1901. Faleceu en 1953.

Isabel Zendal.

A enfermeira protagonista da expedición histórica da varíola

Isabel Zendal naceu en Ordes en 1773. Cando tiña 13 anos a súa nai morreu de varíola. Zendal foi traballar para o Hospital da Caridade da Coruña. Dende alí partiu nunha importante expedición histórica.

Febreiro no calendario científico (versión en galego).